entrevista

"A única liña vermella é frear á dereita. a partir de aí, construír"

Luis Seara (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Luis Seara (MARTIÑO PINAL).

Luis Seara, asegura que o BNG aprendeu dos erros e márcase o reto de ser decisivo no futuro goberno

O BNG afronta con moita ilusión e convencido das súas posibilidades uns comicios locais que chegan catro anos despois de quedar fóra do Concello de Ourense por 179 votos. O seu candidato, Luis Seara, asegura que a formación aprendeu dos erros e márcase o reto de ser decisivo no futuro goberno, querendo deixar atrás "catro anos de parálise".

Leva insistindo meses en que o BNG está de volta. Confírmase na campaña?

Está de volta, iso nos dice a rúa, hai unha corrente de simpatía que agardamos transformar en apoio electoral. É unha satisfacción volver ser a casa común do nacionalismo.

Hai un mes houbo eleccións, poden condicionarlle?

Son claves completamente distintas, a xente refuxiouse no voto útil por medo á dereita máis recalcitrante. Pero estou seguro que moitos optarán polo BNG.

Aprendeuse algo de quedar fóra en 2015?

Serviu para moitas cousas, fixemos autocrítica, vimos con calma o que non fixemos ben e hoxe somos máis maduros e cohesionados. Ademais non deixamos de traballar, sobre todo no social. Iso nos deixa nunha situación favorable, non aparecemos onte.

O éxito sería entrar ou algo máis?

Non nos pomos ningún tipo de límite porque hai unha situación moi aberta, de moita incerteza e estamos convencidos de que entraremos con forza. Queremos ser determinantes no futuro goberno.

Gustaríalle estar nun goberno de coalición?

Haberá que esperar primeiro ó resultado e, despois, á decisión da organización.

Hai que botar ó PP como sexa ou teñen liñas vermellas para posibles alianzas?

Habería que botar ós 27 que están no Concello. O goberno ten máis responsabilidade pero a oposición non estivo á altura, o que acabou provocando catro anos de parálise, co Concello en respiración asistida. A única liña vermella é frear a dereita. A partir de aí hai que construír, Ourense non se pode permitir o luxo de estar catro anos na mesma situación, haberá que sentarse a falar con todo o mundo.

Que lle quita máis o sono?

Estructuramos o programa en tres eixos: o que é urxente, o que é necesario e logo os proxectos de futuro. Do primeiro, a segunda exposición do PXOM.

Que outros proxectos lle gustaría impulsar?

Ver As Burgas como un espazo modélico, no que as moitas persoas que chegan atópanse algo lamentable. Falamos de termalismo, turismo, pero temos unha cidade que se parece máis a Gambia que ó primeiro mundo.

Non hai nada salvable?

Deixan unha herdanza difícil, baixando a autoestima dos veciños. Cal é a sensación da xente? Mira que é difícil, pero o actual alcalde puxo a todo o mundo dacordo en qué é o peor goberno da historia.

Pensan na Deputación?

O voto ó BNG vale triple: apoiar a unha forza como o BNG que cambiará as cousas, frear á dereita e decirlle adeus a 30 anos de baltarismo. Débese ter presente que se pode abrir unha época histórica. 

Te puede interesar