Sanidad

Mar Vázquez: “Coa unidade de innovación da EOXI queremos ser modelo para Europa"

OURENSE (HOSPITAL UNIVERSITARIO CHUO). 24/10/2019. OURENSE. Entrevista a Mar Vázquez, responsable de la unidad de Innovación del CHUO. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Mar Vázquez, coordinadora de Innovación do CHUO, no seu despacho. (Foto: Óscar Pinal)
Dous anos despois da apertura do Hospital Universitario de Ourense, inaugurouse un dos proxectos máis ambiciosos da nova era da EOXI ourensá: a Unidade de Hospitalización Innovadora

Dous anos despois da apertura do Hospital Universitario de Ourense, inaugurouse esta semana un dos proxectos máis ambiciosos da nova era da EOXI ourensá: a Unidade de Hospitalización Innovadora, un "Living Lab" baseado na realidade demográfica da provincia. A médica Mar Vázquez é a coordinadora deste laboratorio en entorno real que buscar ser modelo para o resto Europa, que en 2050 terá a taxa de envellecemento de Ourense.

Videoconsolas e un posturógrafo estrean este proxecto pioneiro na ala norte da sétima pranta do CHUO. O obxectivo é mellorar a atención hospitalaria, testando novas fórmulas de coidados adaptadas ao paciente maior, con patoloxías relacionadas con Traumatoloxía, Neuroloxía e Neumoloxía. É só o principio. Mar Vázquez, que chegou ao cargo de dirección de procesos con ingreso e á coordinación da área de innovación o pasado 3 de setembro, estuda 23 ideas para incorporar á unidade. Atrás deixa unha dilatada carreira como directora de procesos asistenciais no hospital de Vigo. 

O pasado martes chegaron os primeiros pacientes á Unidade de Hospitalización Innovadora. Unha valoración inicial.

Iniciamos con tres proxectos diferentes enfocados a tres perfís de paciente, que pretenden buscar formas diferentes nos tratamentos, buscando áreas de mellora nas súas patoloxías. Un vai dirixido a pacientes con fractura de cadeira, que adestran co posturógrafo, que lles axuda a mellorar o equilibrio e evita máis caídas. Outro vai dirixido a pacientes que teñen Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC). Con eles buscamos adestramento con videoconsolas. A través da Wii búscase que teñan mellor respiración. O terceiro proxecto é para a recuperación funcional post-ictus. A idea é estimulalos para diminuír a atrofia muscular. Todos os proxectos que se están elaborando na EOXI de Ourense son máis que estes tres, incluso imos facer proxectos para paciente ambulatorio.

Que pacientes son os elixidos?

Os criterios son diferentes para cada proxecto. Por exemplo, o paciente con EPOC ten que ter agudizada a enfermidade, pero ten que ter a capacidade cognitiva suficiente para saber usar a consola. 

Como axuda a Wii a estes pacientes?

Utilizan os programas de "Wii Sport". O movemento da caixa torácica superior é o que lles axuda a mellorar. Os outros dous son máis pasivos, no sentido de que e o persoal sanitario o que pon o equipamento. 

Hai dous anos anunciáranse 17 proxectos para esta unidade. Continúan os mesmos? Aporta diferencias?

Eu levo dous meses no cargo e a miña lista é de 23 proxectos, algúns só están en  plantexamento. Están todos en diferentes fases. Non son todos de hospitalización, gustaríanos integrar a atención primaria, na parte dese paciente ambulatorio. 

Por que Ourense quere ser modelo a nivel europeo con este laboratorio?

Preténdese que sexa modelo a nivel europeo, non só español. Estes entornos pénsanse para buscar alternativas terapéuticas diferentes, que provoquen melloras na calidade de vida en pobacións envellecidas. Ese é tamen o criterio, Ourense ten unha estrutura demográfica cunha poboación nas taxas de envellecemento e sobreenvellecemento moi importante. Somos a previsión poboacional que van ter España e Europa no 2050. Todo aquilo que poidamos demostrar que funciona é bo. Primeiro verase beneficiada a nosa área, pero queremos ser un modelo extrapolable a España e Europa dende Ourense.

Deses 23 proxectos, cales son máis da súa liña de traballo?

Todos os proxectos teñen unha pata común, buscar que participen profesionais, pacientes e familiares. Hai proxectos que utilizan equipamento tecnolóxico, outros teñen entornos máis formativos, outros gafas de realidade virtual...Pero a idea é que todos son moi participativos. Algúns non teñen autorización, estamos facendo investigación para levalos despois á comisión de ética.

Que enfermidades teñen cabida nesta unidade?

O paciente de idade avanzada con pluripatoloxía, ese é o perfil xeral e poden ter varias enfermidades.

Como cambiou o modelo de hospitalización relacionado co envellecemento? A onde avanza?

O fundamental é que temos unha poboación envellecida e con moita patoloxía, é un factor común en Ourense. O que se trata é diminuir o número de reagudizacións e que esté o paciente o máis estable posible dentro da súa patoloxía crónica e, ao mesmo temp,  ter un paciente e un coidador o máis formado posible para que teña maior calidade de vida.

A cantos pacientes pode chegar a unidade?

É difícil saber un número exacto porque para cada proxecto hai un mínimo necesario de pacientes para chegar a un resultado, pero aínda estamos lonxe.

Hai 10 camas. Hai intención de ampliar o servizo?

En principio, cos tres proxectos que temos é suficiente. Despois evaluaremos según as necesidades. O persoal de enfermería é propio da unidade, hai un fisioterapeuta e os médicos son das diferentes especialidades. E o servizo de rehabilitación tamén se une a esta unidade.

Fálase de ser un laboratorio a nivel europeo dende Ourense. Pero, cando debe selo? Con que prazos se traballan?

Somos nós os que lle temos que dar resultados, hai que seguir traballando para demostrar ao mundo o que somos capaces de sacar en Ourense.

E cando empezarán os resultados dende a Unidade?

Aínda se necesitan un mínimo de pacientes. Si podo asegurar que serán meses para obter resultados, aínda non sei cantos.

Que supón este reto profesional para vostede?

É un cambio respecto ao meu desenrolo profesional previo, aínda que tamén ocupaba postos de xestión. Pero realmente véxoo como unha enorme oportunidade profesional. Dende que estou na EOXI de Ourense atópome con profesionais con bagaxe profesional e moita ilusión por este proxecto. O persoal de enfermería que se incorporou á unidade ten inquedanzas po estes temas e o equipo vai funcionando.

Te puede interesar