Busca alumnos interesados en crear empresas de tecnoloxía do mar

A Universidade fomenta a cultura emprendedora

O rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, levou ata A Coruña unha iniciativa pola que busca alumnas e alumnos dispostos a pór en marcha un proxecto empresarial no ámbito das ciencias, as tecnoloxías e a xestión do mar nas súas diferentes aplicacións económicas e sociais.
Eles serán os protagonistas da 'Escola de Emprendores. Edición Campus do Mar', unha idea interuniversitaria que se presentou na Universidade coruñesa e que ten como principal obxectivo fomentar a cultura emprendedora no ámbito interuniversitario e impulsar o crecemento económico, o emprego e a internacionalización en Galicia e no Norte de Portugal.

Trátase 'de axudar a formar unha nova xeración de emprendedores', dixo o rector vigués durante a presentación do proxecto, ao que asistiu acompañado polo homólogo coruñés, Xosé Luis Armesto, e o presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, o ourensán Emilio Pérez Nieto, coorganizadores da iniciativa.


TITULADOS E ESTUDANTES

O proxecto está dirixido a estudantes e titulados universitarios de calquera das universidades do sistema universitario galego, con tódolos seus Campus, tamén o de Ourense, ou, incluso, de fóra del. O Campus do Mar súmase nesta edición a un proxecto que se puxo en marcha na Universidade da Coruña o curso pasado e do que xurdiron xa varias empresas e starp-ups: SaborPlace, unha plataforma en liña para comprar comida de calidade directamente ao produtor, e Viajeros LowCost, iniciativa especializada no mundo do turismo e, máis concretamente, na organización de eventos de baixo custe para mozos (festas temáticas, viaxes fin de curso?).

Nesta liña o reitor vigués destacou que se trata de 'achegar valor económico que sexa absorbido polo noso país'.

A formación, que terá lugar nos campus da Coruña e de Vigo, arranca no mes de maio e basearase na realización dunha serie de actividades dinámicas que contemplan obradoiros, conferencias, visitas a empresas ou xornadas de outdoor training, entre outras, seguindo o modelo que incorpora elementos innovadores ao proceso de ensino- aprendizaxe, permitindo ao alumnado acceder a unha experiencia formativa baseada na participación activa.

Te puede interesar