Ourense

Os valores da vida con Naturizo: un ourizo da Serra de San Mamede

Ourense

en confianza

Os valores da vida con Naturizo: un ourizo da Serra de San Mamede

Javier e Ana, escritores de libros infantís; posando con "Naturizo", a mascota e personaxe dos seus libros.
photo_cameraJavier e Ana, escritores de libros infantís; posando con "Naturizo", a mascota e personaxe dos seus libros.

Alba de Evan e Javier Domínguez son os pais de Naturizo, un ourizo cacho con enderezo nalgún recuncho da Serra de San Mamede que non imos desvelar para preservar algo da súa intimidade. É un ourizo moi activo que vive mil aventuras cos seus amigos, emocionantes historias que van máis alá e que transmiten valores como o amor pola natureza, a amizade e o coñecemento das tradicións. Como para non querer a Naturizo!
 

Presentan as aventuras de Naturizo... cóntennos, quen é Naturizo?

Naturizo é un ourizo cacho que vive, xunto cos seus amigos, na Serra de San Mamede, en pleno Macizo central ourensán. Viven unha aventura diferente en cada libro, e cada novo libro é unha sorpresa na que aparecen personaxes novos, viven novas historias, corren novos perigos e descobren (xunto cos cativos) valores como a amizade, o coidado do medioambiente, a axuda e o respeto ós demáis.

De momento, os lectores poden desfrutar de cinco libros, en que se centra cada un deles?

A colección comeza con estos cinco exemplares, editados por Edicions Linteo (editorial ourensá), que ten a intención de seguir apostando por esta serie.

Os catro primeiros libros presentan a historia e os personaxes, a diferente fauna presente na serra e algúns lugares representativos da serra, e cada un está ambientado nunha estación do ano. O quinto libro está contextualizado na festa dos Maios, típica tradición ourensá, sempre contada dende unha visión de respeto ó medioambiente .

Que queren amosar aos cativos con estes libros?

Queremos transmitir ós máis cativos o amor pola natureza que nós lle profesamos e cremos tan importante, xunto con valores como a amizade ou o coñecementos das nosas tradicións.

Ademáis tódolos libros inclúen un caderno de actividades, con exercicios de comprensión, manualidades, pasatempos e... a canción de Naturizo!

Outro punto importante é a ilustración dos contos, especial como o libro en si, consisten nunha serie de fondos, que son fotografías orixinais, editadas para adaptarse ó público infantil ó que van dirixidas as publicacións. Os cativos xunto cas súas familias poderán pasear pola serra e polas localizacións que saen no libro, e identificalas con facilidade.

Con respecto ás personaxes, comentar que están creadas de tal xeito, que os nenos poderán debuxar, copiar e colorear ó seu antollo debido a sinxeleza dos seus trazos. Esto non fai que se perda forza visual e expresiva das mesmas.

Non é o seu primeiro traballo, falennos dos anteriores.

O primeiro libro infantil publicado foi “A Superavoa de Antón”, colaboración ca organización Meu rei, activismo pola infancia. Este libro foi editado para axudar a Fundación Meniños Galicia, recaudando 4.000 euros. Fíxonos especial ilusión xa que está creado de xeito colaborativo con amigos, compañeiros e activistas de Meu rei. Foi editado en galego e castelán, cunha tirada de 1.000 exemplares, que se esgotaron en medio ano, chegando a milleiros de lugares dentro de España, así como a México, Uruguai, Perú, Reino Unido, no que incluso se traballou con el nunha escola.

Por que escribir para nenos?

Nós, como educadores, consideramos que os cativos deben aprender non só no cole, senón que deben ir formando a súa personalidade e coñecementos en calquera ámbito da súa vida, mentras estudan, xogan, van o parque... son como esponxas, están continuamente aprendendo.

Nos libros pretendemos non so que lean e melloren en lectura e comprensión, senón que aprendan algo máis sobre a natureza, sobre a amizade, que xoguen coas manualidades incuidas no caderno de actividades, que canten e bailen coas cancións, en resumo que desfruten e se divirtan mentras aprenden. E porque non, porque é un público moi agradecido. Moi esixente e sincero pero que da moitas alegrías.

Que é o que máis lle gusta desto?

Os personaxes, tanto Naturizo como Amelia, gústanlle moito, así como as historias que viven. Algo que lles encanta os que xa desfrutaron do conto, é o peluche de Naturizo que se inclúe nos libros. Temos unha anécdota moi simpática que nos pasou co tema do peluche, nos contaba unha parella con dous fillos que os pequechos tódalas noites se pelexaban por dormir co peluche de Naturizo, que se tiñan que turnar unha noite cada un, porque non daban arranxado con eles, e non lle durmían.

Os máis cativos son moi sinceros, e tanto se lles gusta algo como se non, dino sen problema nin pelos na lingua. Polo de agora a resposta que está tendo é moi boa, de feito algúns nenos na súa casa debuxan a Naturizo e inventan a súa familia, ou fan debuxos da súa familia propia incluindo a Naturizo, creo que ese é un moi bo sinal.

Contábanos un pai que o seu cativo antes de quedarse durmido a noite, cantarruxaba a canción de Naturizo ata quedarse durmido. A canción podédela atopar no libro e tamén escoitala na web, no Facebook, no Instagram ou na canle de Youtube, avisamos que é moi pegadiza.

Algún proxecto?

Estamos con varios proxectos ó mesmo tempo. Un deles é a creación do sexto conto da colección Naturizo, na que trataremos a problemática do abandono de mascotas.

Outro proxecto que temos en marcha é un conto infantil para ensinarlle ós máis cativos os números e a sumar.

Con Meu rei estamos a crear un libro cd, con cancións solidarias en valores para os máis cativos da casa.