OUFF

A verdade do Entroido, unha viaxe emocionante

mardeterra1_result
photo_camera O músico vasco mira como se viste un boteiro.

O documental improvisado do músico vasco Kepa Junkera polos Entroidos máis ancestrais de Ourense e Lugo inaugura o festival. Será este xoves ás 21,00 horas no Auditorio

Non só na costa vive o misticismo galego. "Mar de terra", o documental de Kepa Junkera dirixido polo cineasta ourensán José Blanco e que inaugura o OUFF mañá ás 21,00 horas no Auditorio demóstrao. No interior hai un océano de maxia con ritos tan ancestrais coma o Entroido. Os veciños de Laza, Xinzo, Verín, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Santiago de Arriba, Manzaneda e Salcedo viaxan co músico vasco nunha mirada ás emocións. Ao sentimento das familias que marcan "a lume" no calendario, en palabras de Junkera, o Entroido. 

mardeterra2_result"Quero destacar que é unha película sinxela, pero moi sincera. Non hai fogos de artificio nin misterio, é verdade cos ollos abertos", conta Kepa Junkera. Non está nervioso. "Máis ben emocionado e feliz por este regalo que me deron e por devolverlle á xente a súa xenerosidade. Quero que se sintan homenaxeados. Os veciños destes lugares do Entroido son protagonistas, pero aínda non o saben". A experiencia de ver como se viste un peliqueiro ou unha pantalla foi tan "emocionante" para o músico bilbaíno que non é capaz de explicalo con palabras. "É que o viven. E que hai que vivilo. É impresionante ver in situ o orgullo que teñen, estar na casa dunha familia enteira que axuda a un peliqueiro a vestirse nunha data que leva marcada a lume. Volvinme tolo", enfatiza.

Os sons ancestrais do Entroido coa música de acordeón que Kepa Junkera compuxo para este documental poñen a banda sonora a unha "máscara" propia, a unha visión persoal dunha tradición que conecta coas identidades destes pobos. E sen guión. "Xurdiu así, nesa visita  que tiña pendente a esta terra. E con isto, cerro o meu ciclo de tantos anos co disco 'Galiza' e con esta terra". Mañá haberá sorpresas. 

Te puede interesar