Vilamarín mellora a eficiencia enerxética da Casa do Concello

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou onte o concello de Vilamarín, xunto co alcalde, Amador Vázquez, para comprobar as obras de eficiencia enerxética nas instalacións dos baixos da Casa do Concello, da escola infantil, da Casa da Cultura e do velorio, nas que a Xunta investiu case 30.000 euros través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

Nesta liña, Prieto destacou que 46 proxectos da provincia de Ourense foron beneficiarios destas achegas o ano pasado e recibiron máis dun millón de euros. A directora xeral de Administración Local tamén lembrou que esta mesma semana publicouse a nova convocatoria do FCA para este ano, que contará cun orzamento de 11,3 millóns de euros, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos.

Entre as accións subvencionables deste fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables, como as actuacións desenvolvidas durante o ano pasado no concello de Vilamarín. Deste xeito, na escola infantil municipal, nos baixos da casa consistorial, na Casa da Cultura e no velorio substituíronse as luminarias de tipo incandescente e fluorescente por novas luminarias LED, máis eficientes e de menor consumo co obxectivo de optimizar o seu funcionamento  e axudando ao Concello a aforrar na factura da luz.

Te puede interesar