Vilamartín convértese no epicentro da cultura galega

Onte no Barco, Zoar interpretou pezas de Adolfo Salazar, Jesús Bal e Rodolfo Halffter.
photo_camera Onte no Barco, Zoar interpretou pezas de Adolfo Salazar, Jesús Bal e Rodolfo Halffter.
A figura de Delgado Gurriarán será posta en valor con actos por toda a xeografía da provincia

A Real Academia Galega (RAG) celebrará este 17 de maio a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas en Córgomo, no municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras, localidade natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). O acto terá lugar na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e obra do autor homenaxeado e onde se sitúa a actual Casa do Pobo, que no seu día foi tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel.

Así, a cerimonia consistirá en tres intervencións sobre o poeta a cargo da académica Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.  Ademais, para a ocasión viaxarán até o municipio ourensán desde América as súas fillas Celia, Carmiña e Maruxa, e os seus netos.

O exilio foi un dos condicionantes máis importantes da vida do poeta. Así, na súa persoa réndese homenaxe por primeira vez nas Letras aos que formaron parte da diáspora mexicana: o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto.

As Letras pola provincia

Aínda que o groso dos actos se concentre en Valdeorras, as demais comarcas tamén celebran multitude de actos polas letras. O Concello de Oímbra celebra o Día das Letras Galegas poñendo á disposición de toda a veciñanza libros en galego de balde. Pola súa banda, o Concello de Monterrei decidiu impartir todas as visitas guiadas polo Castelo durante a xornada de hoxe en galego.

No Carballiño exporanse uns murais conmemorativos da vida de Delgado Gurriarán, e en Ribadavia haberá pasarrúas, lectura de obras e diferentes actuacións teatrais. En Parada de Sil, os actos centraránse nunha feira de artesanía na que se combinarán as manufacturas coa música e a gastronomía. Tamén a comarca de Conso-Frieiras celebra o Día das Letras Galegas, na Mezquita cun contacontos e un concerto e en Viana do Bolo haberá unha lectura da obra de Delgado Gurriarán e unha actuación da Banda de Gaitas.

En Allariz celebraranse varios contacontos mentres que en Xinzo daranse os premios do sexto concurso de narrativa curta Carlos Casares, proxectaranse vídeos de Delgado Gurriarán e farase un desconto do 10% por mercar libros en galego.

“Diásporas” homenaxea aos exiliados en México

O Concerto das Letras Galegas celebrouse onte no Teatro Loureiro Olmo, no Barco, que se encheu para homenaxear a  Florencio Delgado  Gurriarán. A duodécima edición deste concerto que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), repasou musicalmente o legado do homenaxeado e lembrou a memoria dos exiliados en México, como foi o caso de Delgado  Gurriarán.

O evento serviu para estrear a peza “Diásporas”, composta para a ocasión por Carme Rodríguez, a partir de “Galicia  infinda”, poemario  referencial do autor, e interpretada polo grupo Zoar. Entre outros, asistiron a presidenta do  CCG, Rosario Álvarez; os alcaldes do Barco, Alfredo García, e de Vilamartín, Enrique Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia  Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado.

“O legado de  Florencio Delgado  Gurriarán bota luz sobre un exilio non demasiado coñecido, o mexicano, no que se escribiu un capítulo non menor da historia europea”, subliñou Dolores Vilavedra, membro do CCG.

Te puede interesar