O virus da lingua azul emerxe en oito explotacións de Ourense

A enfermidade da lingua azul, que ataca no gando ovino, cabrún e vacún, reapareceu en Galicia, desta vez non polo norte, a través de Asturias, senón polas provincias de Pontevedra e Ourense, a través de Portugal. En Ourense hai seis concellos afectados.
A pantasma da lingua azul volveu asomar en Galicia, desta ocasión nas provincias do sur de Galicia. No caso de Ourense, o achádego do serotipo 1 do virus produciuse en explotacións gandeiras relativamente pequenas. Na última semana, esta circunstancia afectou a tres granxas do concello de Lobios, e a unha nos termos municipais de Riós, Bande, Calvos de Randín, Baltar e Vilariño de Conso. Na caso da provincia de Pontevedra, as explotacións nas que foi localizado ubícanse nos concellos de Covelo e Pazos de Borbén, onde impactou sobre dúas as granxas.

Nesta ocasión, a incidencia da enfermidade en concellos limítrofes ou próximos a Portugal, resulta especialmente relevante, e de feito fai pensar á Consellería de Medio Rural que este novo brote da lingua azul ten moito que ver con casos recentes diagnosticados no norte do país veciño, onde foi advertida a circulación do virus nos distritos de Viana do Castelo, Vila Real e Braga.

A presenza da enfermidade en Galicia confirmouse despois das análises realizadas polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid.

A lingua azul non chegou a Galicia ata os meses finais de 2008. En concreto, a Rede de Alerta Veterinaria confirma o 22 de setembro casos da enfermidade en nove aniamis nacidos ou criados en explotacións agrarias galegas. A Pontenova, no limite con Asturias, foi o primeiro concello afectado, na provincia de Lugo.

Campaña de vacinación


Dende o 1 de setembro comezara a aplicación da vacinación de xeito obrigatorio e de balde en todas as explotacións da comunidade. Cada semana os titulares das granxas eran avisados polos equipos veterinarios, que aplicaban dúas doses a cada animal separadas aproximadamente entre tres e catro semanas. Os animais adquiren a inmunidade aos dez días da segunda dose.

Última circular informativa, no mes de xullo


A fin de previr o impacto da enfermidade en Galicia, a Consellería de Medio Rural vén emitindo circulares, dende que a comunidade quedou ameazada polo virus, sobre as campañas de vacinación das reses como medida preventiva, e a respecto das condicións que debe cumprir o transporte do gando. A última foi difundida o 10 de xullo a través das Oficinas Agrarias Comarcais.

OS DATOS

A lingua azul afecta ás especies rumiantes, e non ten risco para os seres humanos.

A única vía de transmisión da enfermidade é a través dos mosquitos culicoides.

No 2004 detectouse a enfermidade en Andalucía procedente de Marrocos.

En 2008 chegou a Asturias, e de aí a Galicia.

Te puede interesar