Virxilio Benito: “De non existir o campus, moita xente quedaría sen poder estudar"

Virxilio Rodríguez é o responsable da xestión organizativa do Campus dende o ano 2014

Virxilio Rodríguez é o responsable da xestión organizativa do Campus dende o ano 2014, cando accedeu ao posto como membro da candidatura do reitor da Universidade, Salustiano Mato.

Nestes 25 anos, que lle aportou o Campus a Ourense?

Coido que lle aportou unha oportunidade, porque a presenza deste Campus permitiu que moitísimos xoves desta provincia puidesen acceder ao ensino superior, estean mellor cualificados e poidan acceder a mellores postos de traballo; de non existiren, moitas persoas non poderían estudar. En segundo lugar, aportou músculo ao tecido empresarial grazas aos seus 49 grupos de investigación, e tamén xera unha riqueza inmediata para Ourense, a través das máis de 5.000 persoas que move o Campus a diario.

Como valora a súa situación actual?

Institucionalmente, hoxe podemos dicir que estamos ao mesmo nivel cós campus de Vigo e de Pontevedra. A Universidade apostou polo equilibrio entre os seus tres centros para vertebrar o sur de Galicia. En clave externa, é unha institución cun recoñecemento máximo, e iso demóstrase coa colaboración con outras entidades coma o Concello, a Deputación, a Xunta ou mesmo o Goberno central; as nosas propostas son cridas, entendidas e aceptadas. No académico, salientaría a nosa ampla oferta formativa, que abrangue practicamente todos os ámbitos de coñecemento e pode atender todas as necesidades dos potenciais estudantes.

Cal diría que é o punto forte do Campus e o seu reto pendente?

Coma vantaxe, diría a súa ubicación: somos un Campus urbano e integrado na cidade, e iso facilita moitísimo a vida aos nosos universitarios e traballadores. En canto ao noso reto de futuro, ese é mellorar, e iso pasa polo 'Campus da Auga'. No meu mandato, tentarei consolidar o Congreso Internacional da Auga e os programas de doutoramento, e incrementar os proxectos de investigación.

Te puede interesar