ENTREVISTA

“Pídolle ao goberno que saia do 25-s poder incorporar a novos profesores"

photo_camera O vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

A Universidade de Vigo é a primeria en empezar as clases do sistema universitario español. No caso do Campus de Ourense, o curso arranca coas prazas cubertas en nove das 16 titulacións ofertadas.

Como valora este dato?

Creo que ter pechadas a estas alturas máis do 50% da oferta é un aspecto moi positivo. Tamén é importante destacar que aquelas titulacións que aínda non cubriron as prazas, están próximas a facelo tras os exames de selectividade. Outro dato moi positivo son as notas de corte. Destaca o tirón de Enxeñaría Aeroespacial cunha nota superior a 10 e doutras como Enfermería cun 9,446 ou a da simultaneidade de estudos de ADE e Dereito, superior a 8. Asimesmo, as notas de corte dos grados en Educación Infantil e Primaria, por riba do 7. Isto quere dicir que atraemos a estudantes cun nivel académico alto.

Unha novidade é a implantación do grao en Enxeñaría Aeroespacial. Que aportará esta nova titulación ao tecido económico e social ourensán?

Implantaouse nesta cidade e no seu momento demandouse á Xunta porque falando con diferentes representantes deste sector, incipiente en Galicia,detectourse a necesidade deste tipo de titulados. Hai xa empresas de referencia instaladas na provincia e acábase de crear un centro de investigación aeronáutica en Vigo polo que o sur de Galicia é un lugar onde se vai demandar directamente este tipo de titulados. A isto hai que engadir a estratexia do goberno autonómico de impulsar un centro de desenvolvemento aeronáutico en Rozas, Lugo. O valor de incorporar esta titulación a este Campus, que conta con outras dúas enxeñarías, como son Informática e Agragia, está no feito de que esta carreira segue a situalo no mapa, dándolle un pulo maior e fai que volvamos a ser unha referencia. Xera tamén unha forza tractora para axudar as outras titulacións a facelas máis visibles.

A plataforma Pro Campus insiste en que o retraso da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, centro que albergará o título, perxudicará a planificación do curso 2017-18. É iso certo?

A nós non nos consta. Indícasenos que é un trámite meramente formal e unha vez superadas estas xestións, aprobarase o centro. Por outra parte, o título está aprobado e vaise seguir impartinto con garantías. 

O Concello acaba de outorgar a licitación para o inicio das obras do futuro edificio do Campus da Agua. Cal é o estado no que se atopan os traballos?

As obras empezaron a mediados de agosto e vaise cumprindo o cronograma establecido. Está previsto que o prazo de execución dos traballos, financiados pola Xunta con fondos Feder da Unión Europea, finalicen no ano 2018. Se todo vai ben e non aparecen problemas técnicos na execución da obra, coido que a principios do 2018 o edificio estará finalizado. O trámite da licenza non supuxo ningun problema perante ao Concello e isto é unha cuestión importante. 

Que trámites quedan para o visto bo definitivo ao primeiro doctorado, “Auga, sostenibilidade e desenvolvemento"?

Fixéronse todos os trámites necesarios internamente para aprobar a memoria. Queda tramitalo ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) polo que están pendente de que sexa aprobado por este órgano e a Xunta de o visto bo co obxectivo de poder implantalo no curso 2016-17. Destaco a enorme xenerosidade dos docentes dos Campus que se sumaron para que a día de hoxe conte con máis de 100 investigadores coa capacidade de dirixir teses de doutoramento. Tamén a aportación do Instituto Politécnico do Porto e da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

As eleccións autonómicas están a volta. Que lle pediría ao goberno que saía das urnas o 25 de setembro?

As peticións dirixidas tanto ao gobernos do Estado como o autonómico céntranse no incremento do cadro de persoal. Dende o 2008, cada lei de orzamentos do Estado veñen contemplando unha taxa de reposición que nos momentos máis duros estaba en torno ao 10-15%. Despois foise incrementando e hoxe estamos no 100% para as universidades públicas. Esta taxa de reposición para a Universidade de Vigo cun cadro que segue sendo moi novo, na que hai polo tanto poucas baixas, impide promocionar ao persoal docente investigador, que teñen obtido as súas acreditacións. Tamén impide incorporar a novos profesores, que sigan adaptando o cadro de persoal a novos retos. É o problema máis grave que temos. Pediríalle que houbese un cambio de política neste sentido. A día de hoxe, somos 400 docentes e no que se refire a persoal de administración e servizos, 100.

Falando do cadro de persoal, a xunta de persoal da Universidade critica a nova Relacións de Posto de Traballo, destacando o desmantelamento do Campus. Cal é a súa postura?

O reitor respondeu ao compromiso electoral que apareceu no seu programa, ordenando á Xerencia que comece unha mesa de negociación cos sindicatos con representantes dos traballadores. Neste proceso non intervén o equipo de goberno. O obxectivos da nova RPT era responder ás necesidades organizativas que plantexa unha universidade que mudou coa implantación dos novos títulos. 

Goza entón de boa saúde o Campus?

Eu creo que si. Dende o 2014, está inmerso no proceso de especialización co Campus da Auga. Os resultados son evidentes. Por exemplo, no eido da investigación celebrarase en outubro a II edición do Congreso Internacional da Auga. Outra mostra é o simposio de termalismo e calidade, que se celebrará a segunda cita no 2017 coa colaboración de Termatalia, Concello e Deputación. Xa se ten consolidada esa imaxe de marca; é dicir, xa se identifica como o Campus da Auga. Tamén é importante engadir a captación de recursos para investigación, destacando o traballo que se fai dende a Facultade de Ciencias sendo o Centro de Investigacións Agrarias (CIA) un referente. 

Cales son os novos retos de futuro?

En relación ao proceso de especialización, este curso concretarase un programa de innovación educativa acompañado da publicación duns premios de investigación. Tamén se  desenvolverá a xa creada Unidade de transferencia de coñecemento entre Universidade de Vigo e Confederacion de Empresarios de Ourense e crearase un programa de mobilidade de estudantes e investigadores vinculados ao Campus da Agua. 

Te puede interesar