camino a santiago

Voluntarios da Gudiña auxilian a peregrinos que fan o Camiño

<p></p>
photo_camera O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, saúda aos efectivos da Gudiña ante o rexedor local, José María Lago.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou aos efectivos que colaboran nesta iniciativa

Un total de 39 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia están prestando asistencia aos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. Ocúpanse, entre outras funcións, de patrullar as rutas que pasan polo seu termo municipal, así como polos concellos limítrofes. Neste senso, procuran atender aos camiñantes e brindarlles axuda personalizada e primeiros auxilios, ademais de trasladar feridos sempre que sexa necesario. Para todo esto están recibindo a colaboración activa da Xunta de Galicia.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse onte ata A Gudiña onde unha destas agrupacións, Protección Civil, e o Grupo de Emerxencias Municipais participan na iniciativa. Durante a visita estivo acompañado polo rexedor local, José María Lago.

Esta colaboración entre a Xunta e as agrupacións de Protección Civil víñase desenvolvendo nos anos nos que se celebraba o Xacobeo. Sen embargo, dende o 2016 e co incremento de peregrinos decidiuse habilitar o plan de maneira anual. Tal e como matizan dende Vicepresidencia, o proxecto comezou con sete agrupacións do Camiño Portugués, e agora xa son 39 con influencia sobre dito camiño e Vía da Prata.

A Administración autonómica mantén unha colaboración "constante e fluída" coas agrupacións de Protección Civil galegas. Neste senso, e ademais dos convenios para prestar atención no Camiño de Santiago, tamén lles cede equipamento de emerxencias, habilita liñas de axuda para financiar o seu mantemento e ofértalles formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública -AGASP-. Nos últimos anos, a Xunta cedeulles distintos equipamentos de emerxencias por valor de algo máis de 12 millóns de euros.

No caso da agrupación de voluntarios da Gudiña, esta recibiu achegas e material por valor de case 80.000 euros. Tamén estrearon recursos como un todoterreo, un esparexedor de sal, un remolque de emerxencia ou unha tenda de campaña, entroutras moitas novas dotacións.

Te puede interesar