ARTE ET ALIA

Xabier Varela e trampantollos inspirados en “O porco de pé"

sssd

Os cadros e as obras coas que Xabier Varela constrúe a súa exposición de Allariz son un relato en si mesmo. Mais o coidado posto polo artista arredor delas para acadar un axeitado ambiente que axude a que contextualizamos as escenas resulta efectivo, xa que logo consegue dar unha evocadora imaxe doutra época. O xoven mestre alaricano, dende a inspiración na novela "O porco de pé", de Vicente Risco, dispón o seu abano expresivo con grandes óleos, e acuarelas, ademais de gravados á punta seca, carbonciño e debuxos para recrear escenas. Dende o seu interese polos expresivos e caracterizadores retratos sociais tipo George Grosz, ou dos fotógrafos Brassaï (Gyula Halász) e August Sander, e coas súas notables habilidades para facer retratos, comezou a maxinar esta mostra da Fundación Vicente Risco. O seu inicio é co castelán Celidonio de mancebo-tendeiro de Baldomero García e Emerenciana, comerciantes charros de Salamanca que fixeran aquí fortuna. Un xoven porco-home corta carne na ateigada tenda de ultramarinos. E máis alá da obra de Varela, comeza a inestimable axuda de Javier Iglesias, parente seu: diante, o mostrador e a cesta con ovos e báscula, garrafón, velas e outros obxectos nos estantes, que prolongan o efecto ilusorio da pintura… 

Dende aquí, pasamos ás distintas escenas escollidas, divididas por cortinas e aproveitando as distintas alturas dun baixo pensado en orixe para outros usos. Na do salón xa está como don Celidonio, quen ‘na posguerra, ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou como o fol da gaita’, escribe Risco no comezo da obra, e pinta Xabier Varela, con unha cacería dun xabaril estilo Paul de Vos, e lembrándonos no sombreiro da súa muller Nicasia os da famosa brasileira Carmen Miranda. Diante o escenario con tresillo de madeira, colgadoiro e reloxo na parede, sen faltar na mesa o vello diario conservador e monárquico de Madrid. A súa viaxe política aquí co enxeñeiro da Deputación, e a diversión de ámbolos na casa dunha dona italiana, ‘onde sinteu un arreguizo que lle remexía os untos’; as fillas, e as súas afeccións, música e tenis, coas pelotas camufladas entre mazás, na liña sarcástica que destila a obra nunca reeditada en vida do escritor de Castro Caldelas... Mais é na tertulia no café co Aser das Airas, e o doutor Alveiros, o coprotagonista, verdadeiro alter ego do propio Risco, unha das pièces de resistence desta exposición, e o conxunto das dúas obras da entrada, co Doutor en contraposición, en busto con marco ovalado. E na vitrina o manuscrito dos saberes misteriosos das herbas. Naquel faladoiro, e a súa recreación diante, con cadeiras Thonet e mesa de mármore cos cafés e puro, no que estiven a piques de sentarme co artista, que semella pensado para desfrutar calquera tarde prolongando a intensa visita artístico-literaria… Pódese así desfrutar dun verdadeiro espectáculo arredor da novela que se expresa nunhas imaxes literarias que cobran vida, co atrezzo teatral arredor da obra de 1929. De estar a exposición en Ourense, poderíamos sentirmos nunha performance vintage da Bela Auria...

Te puede interesar