Ourense

“Á xente nova gústalle a liberdade que lles da a UNED; podes mudarte, viaxar, facer pausas"

Ourense

entrevista

“Á xente nova gústalle a liberdade que lles da a UNED; podes mudarte, viaxar, facer pausas"

Judit Vega, na entrada do centro UNED das Illas Baleares.
photo_cameraJudit Vega, na entrada do centro UNED das Illas Baleares.
A ourensá Judit Vega comeza unha nova etapa nas Illas Baleares, ao frente da UNED

Defínese como "galega ata a medula", aínda que leva décadas vivindo fóra. Despois de 29 anos vivindo en Berna (Suíza) –16 e medio como directora do centro da UNED da cidade–, a ourensá Judit Vega comeza unha nova etapa nas Illas Baleares, tamén ao frente da institución educativa. "Teño moita ilusión e moitas ganas de abrir as portas da UNED a sociedade balear, estou facendo unha rolda de contactos para acercala a todo tipo de asociacións e entidades", asegura. Aterrizar nas Baleares supón volver a casa, dalgún xeito. "Por moi ben que estés fóra, por moito que fales o idioma perfectamente, nunca acaba de ser como estar no teu lugar de orixe", comenta Vega, que hai apenas dúas semanas que xa está afincada en Palma. Aínda así, marchar de Suíza supuxo unha mistura de emocións: "Ao chegar ao aeroporto púxenme a chorar, pero tamén sentín moita liberdade por todo o novo que empeza".

Inicia unha nova etapa ao frente da UNED nas Illas Baleares. Cales é o principal reto?

É un desafío moi grande para min, é un centro moi grande. Vexo que está moi pechada, moi concentrada na formación, pero a UNED é tamén unha universidade social, temos que abrila ao mundo. Temos que formar parte da cultura das Illas Baleares, e por iso estou visitando a moita xente, estamos abríndonos, que nos coñezan, que se acerquen a nós. O meu obxectivo é colaborar con todo o que teña algo que ver coa cultura, coa sociedade, coa formación. 

O centro de Berna xa está nese punto de apertura?

Si, alí fomos pioneiros en todo: os primeiros que fixemos sesións inaugurais de curso, os primeiros coa UNED senior, co centro de idiomas, co plan de prisións... Somos moi coñecidos, o outro día tiven a última inauguración como directora, e o auditorio estaba cheo.

Dificulta a xestión ter tres sedes (Palma, Ibiza e Menorca)?

Para min, que son hiperactiva, é bó, dame "vidiña". Viaxar gústame, e o centro funciona moi ben, todos os mércores facemos unha reunión e como temos toda esta tecnoloxía, mentres falamos xa subimos documentos para que se poidan consultar... É coma se estiverámos todos xuntos. O centro é Illas Baleares, o persoal é un equipo e todos colaboramos. 

Aumentou o número de estudantes neste ano?

Ese é outro dos meus desafíos, animar a máis xente. A pasada semana puxemos un anuncio na prensa e 250 persoas matriculáronse en tres días, é significativo.  O ano pasado tivemos 13.117 estudantes, dos que 3.673 eran de ensinanzas regradas; este ano levamos 3.681 matriculados en ensinanzas regradas.

Cada vez é maior a porcentaxe de xente nova, a que se debe?

Eu creo que á xente nova gústanlle moito as tecnoloxías, internet, as redes sociais, nós temos unha tecnoloxía punta. A UNED está avanzadísima, aquí temos 17 salas con pizarra interactiva, proxector, cámara para facer videoconferencias... E aos novos tamén lles gusta moito a liberdade que lle da, porque pódeste matricular dunha asignatura, de tres, de catro, podes facer unha pausa, volver... 

A crise tamén axudou?

Si, claro, a xente cústalle diñeiro saír fóra, e hai quen se decata de que para que marchar se tes a posibilidade da UNED que che ofrece o mesmo. Temos tres modalidades: presenciais –tutorías todos os días no centro–, streaming en directo para que o vexas dende a túa casa, e en diferido, porque todas as clases quedan gravadas. 

Se o alumno se muda ou viaxa tamén ten facilidades.

Temos centros por toda España e 14 centros no estranxeiro, o que quere dicir que se estás de vacacións en Barbastro (Huesca) ou Nova York podes facer os exames alí, e iso tamén é moi cómodo. A tendencia da universidade é que cada vez se virtualice todo máis, así que ao final é como a auga que vén ao noso muíño, porque nós fomos os primeiros. 

O impulso das novas tecnoloxías afectou as carreiras máis demandadas?

Creo que as tendencias están cambiando. Agora mesmo as que teñen máis demanda son as típicas, dereito, psicoloxía, económicas... Pero ciencias da saúde, ciencias medioambientais ou traballo social, cada vez interesan a máis xente. Carreiras novas como criminoloxía, teñen en Palma 152 alumnos, máis ca en Economía, por exemplo. Eu creo que agora a xente estuda máis o que lle gusta, porque ve que as carreiras tradicionais están tan saturadas que non hai tanto futuro, polo que buscan o que lles gusta. A xente tamén demanda cousas novas, Ensinanza Primaria, Xornalismo...

Vostede tamén fixo unha carreira na UNED. 

A máis difícil que fixen, porque hai que estudar todo, non che quitan temario,  pero a vantaxe é que saes moi ben preparado, unha marabilla. De feito, os estudantes da UNED son os que aproban máis oposicións.

É sinxelo para o alumnado entrar en contacto coas empresas?

Nós temos o COIE –Instituto de Emprego–, no que lle damos unha orientación personalizada, etamén temos convenios con moitas institucións para que fagan as prácticas.