Ourense

“A xente pensa que ao falar castelán é máis interesante"

instagram (1)
As últimas enquisas sinalan o retroceso do galego na provincia, sobre todo, entre os máis novos

Tralos resultados das últimas enquisas sobre galego realizadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), non hai oco para dúbidas: o galego perde falantes na provincia ourensá, sobre todo, entre os máis novos. Se fai 10 anos o 24,23% dos rapaces de 5 a 14 anos falaba sempre en galego, agora só o fai o 7,99%.

Os datos convirten a Ourense na segunda provincia, detrás de Pontevedra, con menos galegofalantes de curta idade. A caída foi progresiva durante a década, o que fai supoñer que a tendencia xa está establecida na sociedade ourensá, un feito que preocupa aos profesionais e tamén aos propios veciños. 

A pé de rúa, os cidadáns atopan diversas razóns que xustifican este fenómeno, dende a importancia da lingua habitual empregada no fogar ata a conciencia do idioma como patrimonio cultural. "Son profesora de rapaces de 6 e 7 anos, e nas clases de galego os alumnos contestan en castelán, só o fan en galego aqueles que o falan na casa", explica Cristina Constenla, que recoñece que a súa é unha situación similar.

"Eu crieime en castelán e nas clases en galego, moitas veces, teño que ter conta de que non se me escapen palabras en castelán", conta a docente. Dende o seu punto de vista, é semellante ao que pasa co inglés: "Queremos que aprendan inglés, pero na casa non llo falas, co galego é igual". 

Xosé Manuel Cid, profesor da Universidade de Vigo e pedagogo, sinala a relevancia da formación do profesorado e pon de manifesto a "inacción" da administración autonómica. : "Entendemos que os mestres teñen moito que facer neste tema, pero ademais na política lingüística no ámbito educativo empezáronse a utilizar mitos irreais de que o galego estaba sobrerrepresentado, que había que meter o inglés, algo que nada ten que ver coa realidade".

Cid resalta que na Facultade de Educación de Ourense o 80% das asignaturas impártense en galego, e que cada vez son máis os métodos pedagóxicos alternativos para ensinar a lingua: "Ás veces a forma de introducir o galego non é a máis didáctica ou persuasiva como para que os rapaces despois o estimen e o utilicen".

O profesor afirma que "é responsabilidade de todos" manter vivo o galego, tanto da familia e dos mestres coma dos medios de comunicación. "Na TVG vemos moita publicidade da Xunta que xa nos anuncia que vén o Xacobeo 2021, pero non nos din nada de que a Xeración Nós cumpre 100 anos no 2020, e non lle quito importancia ao Xacobeo, pero para Galicia é máis importante a Xeración Nós". 


“Nunca hablo gallego"


Segundo os datos do IGE, a situación é similar na seguinte franxa de idade, entre os 15 e os 29 anos: dun 31,48% que só fala galego a un 20,17%. Os mozos tamén son conscientes da realidade da lingua galega. Miguel Ángel Abalde, de 20 anos, recoñece que "nunca hablo gallego": "No lo hablo ni en casa ni con mis amigos, aunque sé hablarlo claro, lo he estudiado, pero no sé, no me sale hacerlo, y soy consciente de situación que atraviesa el idioma". 

O seu amigo Jacobo Cortegoso asegura que varios amigos seus escolleron falar galego como xeito de reivindicar o propio: "Nos dicen a todos que nos animemos a hablar gallego. Es cierto que entre los jóvenes hay cierta conciencia de la pérdida de hablantes". Pola súa parte, Daniel González alterna o idioma segundo lle falen: "En casa hablo en gallego, con los amigos normalmente en castellano... Pero no lo pienso mucho, depende en qué me hablen". 


O amor polo “noso"


David Simón asegura que tanto os seus fillos coma os seus netos falan galego: "Teño un neto que vive en Suíza e fala francés, alemán, italiano, inglés, castelán e tamén galego. Cando vén aquí falamos galego, ou cando o chamamos por teléfono".

Para Simón, a perda de falantes ten moito que ver co amor polo "noso": "Eu estiven por aí fóra emigrado e iso axúdache a valorar o teu, aquí moita xente pensa que falar castelán é mellor porque pareces máis interesante". María de la Paz de la Fuente cre que o motivo son as "saídas": "É certo que non ten tantas saídas laborais coma outras linguas".



Outro punto de vista: "Llevo aquí 25 años, lo entiendo pero no lo hablo"

galego 7

Elena Moreno leva vivindo en Ourense 25 anos, a onde chegou co seu marido, ourensán: "Yo entiendo gallego perfectamente, pero no lo hablo porque me cuesta pronunciarlo". Moreno é andaluza, pero foi criada en Cataluña, onde aprendeu a falar catalán: "Crecí en Lérida, y cuando llegué a Barcelona nadie hablaba catalán, me sorprendió mucho, nada que ver con ahora, claro". A súa tía, María Pilar García, que vive en Cataluña, asegura que os idiomas son "riqueza": "A mí me encantaría hablar más idiomas, para poder entenderme con la gente que conozco, creo que nos enriquece mucho".

María de la Paz de la Fuente asegura se criou en galego, pero asegura: "Falo un galego, bueno, non é o galego normativo que se estuda, claro". O profesor Xosé Manuel Cid tamén reflexiona sobre esa realidade e o cambio que supuxo a incorporación do galego nas aulas: "Antes non sabíamos escribir galego, non nos ensinaban, pero agora os rapaces si saben escribilo moi ben, aínda que non o falen".

Te puede interesar