OUFF

A xeración que vive Lobeira

tempo-da-luparia-ouff_result
photo_camera Fotograma de "O tempo na Luparia", de Plácido Romero.

Plácido Romero presentou no festival, no marco das sesións especiais, o documental "O tempo na Luparia", que reflexiona sobre o paso do tempo en Lobeira con gravacións dende 1987

O cine galego mira á despoboación. Pero hai miradas e miradas. En "O tempo na Luparia", documental de Plácido Romero que reflicte a memoria do tempo en Lobeira hai máis ca esa ollada superficial a casas baleiras e a rural que morre. Todo o contrario. "Quixen facer algo máis complexo, máis lírico. É unha concepción do tempo, unha dimensión máis espiritual que de reportaxe.  De feito, teño outros traballos nos que si toco o tema da despoboación máis directamente", aclara.


Non só casas baleiras


Máis de trinta anos recollendo gravacións, dende o ano 1987, dan forma a unha obra que busca conectar cos "paraísos perdidos". O proxecto final forma parte das seccións especiais que programa o OUFF e nas que destacan especialmente os traballos feitos na provincia.

"O tempo na Luparia" arranca con imaxes na escola de nenos de 5 e 6 anos. Máis tarde, vese ás mesmas persoas de 35 no mesmo escenario, que xa non é un colexio, senon un xeriátrico. "Quero que se vexa a actitude esperanzadora de que hai futuro. Quero presentar un novo factor: a ilusión da última xeración de Lobeira que ten interese e paixón pola aldea a que segue indo cada fin de semana, indo vivir o pobo como se vivía antes. Non me quedo con casas baleiras, quero poñer sobre a mesa un recurso que hai que aproveitar. Para combatir este suicidio demográfico utilízase moitas veces a mesma linguaxe e os mesmos recursos, e fracasan", reivindica Romero.


A paisaxe máxica


O documental, que xa se presentou en varios festivais, reflicte tamén a maxia da paisaxe interior de Ourense. "Un sitio realmente espectacular son os altiplanos do Leboreiro, onde está a maior necrópole do noroeste hispano", conta o autor. "O tempo na Luparia" é tamén un recordo a Manolo Martínez, o que fora un gran dinamizador cultural de Lobeira. 

Te puede interesar