Seguridad

Xinzo pasa a formar parte das vilas galegas máis seguras

xinzo2_resultado
photo_camera A reunión en Xinzo celebrouse na sala de xuntas da Casa Consistorial limiá.
O índice de delincuencia baixou no municipio nun 25 por cento, mentres que Verín mantense estable

Os Concellos de Xinzo e Verín acolleron senllas Xuntas Locais de Seguridade e nelas analizouse a evolución da mesma nos derradeiros meses, así como da violencia de xénero en ambas capitalidades de comarca. 

No que ten que ver con Xinzo, o índice de delincuencia baixou nun 25 por cento. Esto converte a vila antelá nunha das máis seguras de Galicia, tal e como puxo de manifesto o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, quen destacou na mencionada baixada tanto os delitos cometidos contra o patrimonio, coma os que afectan ás persoas. 

Na capital do río Támega, a situación non mudou moito con respecto aos últimos datos obtidos neste senso. A delincuencia mantense en valores similares, aínda que cada vez son máis frecuentes os delitos telemáticos. O subdelegado do Goberno destacou que Verín segue a ser "un concello seguro" e que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados". 

Garda Civil, polas noites

A Garda Civil desenvolveu nos últimos meses en Verín varios controis preventivos que foron salientados por González Afonso, que adiantou que se seguirán intensificando . 

Por outra banda, trala Xunta de Seguridade celebrada en Verín examinarase a posibilidade de que sexa a Garda Civil quen asuma as competencias de seguridade vial no propio municipio durante as noites da semana. Así mesmo, se lle deu traslado á Subdelegación do Goberno da necesidade de situar unha dependencia para detidos no propio recinto do cuartel.

No tocante aos casos de violencia de xénero, en Xinzo de Limia hai activos no sistema VioGen 15 casos deste tipo -nove na categoría de risco baixo e seis na categoría de risco non apreciado- e en Verín hai activos 37 -1 na categoría de risco medio, 25 na categoría de risco baixo e 11 na categoría de risco non apreciado-. 

En ambas xuntanzas tamén se examinaron os protocolos de seguridade para o Entroido. 

Te puede interesar