DíA LETRAS GALEGAS

Xornada do galego para o galego

Ourense. 17-05-2015. Stand de libros en el Paseo. Paz
photo_camera A carpa instalada na rúa do Paseo acolleu a cinco libreiros da cidade, que trataron de inculcar a lectura en galego.

Un ano máis, libreiros da cidade saíron á rúa o día das Letras Galegas co obxectivo de fomentar a literatura en galego. Grandes clásicos e últimas novidades de todos os xéneros tiveron cabida na cita da rúa do Paseo.

Hai moitos plans posibles para un domingo no que o astro rei visita a cidade de As Burgas. Os máis ansiosos abarrotaron as praias máis cercanas. Houboos que aproveitaron a ocasión para estrear a tempada de churrascadas e piscinas. As terrazas do Casco Vello tamén deron para moito. Pero un día así tamén se prestou á tradición. Neste caso, cinco libreiros da cidade instaláronse na rúa do Paseo, unha forma máis de apostar pola literatura galega no seu día, o día das Letras Galegas.

Dende as 11,00 horas, os ourensáns máis apegados á cultura fóronse achegando á carpa que acolleu as librerías móbiles. Malleira, Zampacontos, Padre Feijóo, A'nova e o Sindicato do Cómic foron as cinco que apostaron por sair á rúa e promocionar a escritura en galego ou relacionada con Galicia.

A presidenta de libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, explicou que se trata "dunha cita de asistencia obrigada" que puxo en marcha a Concellería de Cultura. Deste xeito, os libreiros sacan dos seus establecementos exemplares de todo tipo. Todos os xéneros teñen cabida, dende novelas, pasando pola poesía ou o cómic, ata a literatura infantil. E o mesmo coa temática.

Botando man do refraneiro, herba mala nunca morre, e se aínda por riba a herba é boa, aínda que non o recolla ningún dito popular, cabe supoñer que estará presente per saecula saeculorum. Clásicos da literatura galega fixéronse un oco entre as últimas novidades. Deste xeito, Merlin e Familia, de Cunqueiro, A Esmorga, de Blanco Amor, ou Os Dous de Sempre, de Castelao, foron algúns dos presentes, pero non os protagonistas. O feito de que o día das Letras se adicase este ano ó pontevedrés Xosé Filgueira Valverde fixo que os produtos estrela desta edición fosen biografías do escritor e a reedición da súa obra.

Ángel Perotti (aínda que o seu apelido non lle faga xustiza), da librería Zampacontos, sinalou que "non se trata tanto de facer hoxe o agosto senón de ensalzar a nosa lingua". "As condicións levan a que hoxe non se vaian facer moitas ventas, pero o motivo que nos trae aquí é o fomento da lectura, sobre todo dos máis pequenos", añadió.

Pero esta non foi a única forma de loitar polo galego. A plataforma Queremos Galego levou a cabo un roteiro polo Casco Vello de Ourense que se iniciou na Praza da Imprenta. Compromiso por Galicia apoiou a xornada cultural na cidade e o PP fixo honor ás Letras Galegas na praza de Bispo Cesáreo.

En definitiva, unha xornada do galego para o galego que, independentemente do idioma, ten un trasfondo que non se debería reducir a un só día no ano.

Te puede interesar