Xosé Manuel Pacho: ’A choiva do mundo’ é unha novela que se nega a si mesma’

 Xosé Manuel Pacho.
As excelentes críticas do xurado avalan a primeira novela do ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco, que acaba de gañar o certame literario ’Torrente Ballester’.

’A choiva do mundo’ é a primeira novela de Xosé Manuel Pacho Blanco (Ourense, 1974) e a obra gañadora do certame literario ’Torrente Ballester’ que convoca a Deputación da Coruña. Pacho Blanco é avogado e profesor de Dereito Constitucional, aínda que tamén está vencellado á Fundación Vicente Risco.
A obra ven avalada polas excelentes críticas por parte do xurado, que a definiu como ’unha aposta literaria de vangarda na construción dun texto extraordinariamente rico na súa forma de mosaico fragmentario que se sitúa na superación dos xéneros literarios’, segundo recolle a acta do premio.

Primeira novela, xa con premio, e excelentes críticas. ¿Como o asimila?

Pois estou bastante sorprendido e no medio dunha certa vértixe, porque nin sequera sabía que se fallaba hoxe (por onte) o premio. Presentaronse máis de 300 novelas de 18 países, das que 25 eran en galego, e é sorprendente que gañara unha delas. Estou tratando de asimilalo sen deixarme levar pola voráxine destas cousas.

¿Como define ’A choiva do mundo’?

É unha novela que se nega a si mesma. É un xogo, co que intentei buscar un novo sentido á creación literaria. Está composta de relatos curtos, anacos de novelas, pezas teatrais, artigos xornalísticos, crítica literaria e ata un guión dun curto de cine. É unha novela vangardista.

¿Como xurdiu a idea desta mistura de estilos?

Trataba de buscar novos camiños, novas linguaxes da creación literaria. Non me inspirei en ningún autor en concreto, aínda que é certo que sempre hai influencias inconscientemente. É unha obra moi distinta a todo o que hai. ¿Cal é o argumento? Tratase da historia dun editor que se xubila e vai recolectando artigos, novelas, relatos... de toda a súa traxectoria, textos que falan da vida e da anguria do mundo. Algunhas historias gardan relación entre si, pero outras non. Está ambientada en numerosos lugares, dende México, a Ourense, e pódense recoñecer as súas rúas.

¿Tivo xa algunha outra incursión literaria ou traballa xa en novos proxectos?

O que fixen ata o de agora foi máis ben pola liña do ensaio, nos eidos de filosofía política ou dereito político, pero non pola ficción. Penso continuar co que fago ata o de agora, tanto seguir escribindo como no traballo do despacho e na Universidade.

Escribiu en galego. ¿Como analiza a situación da literatura nesta lingua?

É unha situación complicada, máis alá de cuestións políticas. Calquera ve a situación na que se atopa non só a literatura galega, senón a cultura en xeral, a escasa importancia que se lle da. Tamén inflúe a situación periférica de Ourense, tanto no ámbito cultural como en en tódolos restantes. Aquí hai moi bos escritores e iso realmente é meritorio, porque hai máis dificultades que noutros lugares.


Te puede interesar