ENTREVISTA

Xosé Mosquera: “O noso camiño quedou nítido, non necesitamos mirar para o lado"

Ourense. 03-05-16. Local. Entrevista a Xosé Mosquera.
Foto. Xesús Fariñas
photo_camera Xosé Mosquera, diante do xardín Padre Feijóo.

Compromiso por Galicia pretende ser a chave nas vindeiras eleccións gallegas.

Xosé Mosquera lidera en Ourense o reto de Compromiso por Galicia de ser chave nas vindeiras eleccións autonómicas.

Cal é a saúde da formación na cidade?

Despois das municipais houbo un certo impás porque algunhas persoas non tiñan claro o seu obxectivo. O noso proxecto está aberto a todos os galegos e a prioridade é a defensa do país en todas as vertentes.

Concorrer en solitario ás autonómicas pode pasar factura?

Contribúe a asentar o proxecto. Algo non pode pervivir se unha parte dos integrantes está permanentemente mirando para o lado, non o necesitamos. O camiño de Compromiso quedou claro e nítido, o que fagan os demais, se van nunha marea ou un rebumbio de xente, eles saberán.

Mina as aspiracións electorais?

Creo que non. O espacio político de Compromiso vai desde a socialdemocracia pero caben liberais, cristianos, etc. É un proxecto suficientemente aberto  para camiñar cara adiante sen necesitar grupos que acaban desvirtuando o proxecto. A maior experiencia nese sentido foi a nosa do ano pasado nas eleccións locais, que nos presentamos ás primarias e logo non se respetou o elemental nun sistema democrático.

Ten pensado concorrer ás primarias para ser candidato pola provincia á Xunta?

Consultarei a decisión con aqueles que lles afecte directamente e con integrantes da formación, en cando teña eses elementos decidirei. O meu interés vai en defender o proxecto, as persoas non son relevantes.

Como valora a xestión da Xunta nos últimos anos?

Os últimos oito anos coinciden coa crise económica global. Esta etapa caracterizouse por unha restricción do gasto para cumplir o equilibrio presupuestario e destacados economistas xa dixeron que hai que equilibrar as medidas de teito de gasto e outras que faciliten o investimento para dinamizar a situación.

É necesario un cambio de goberno?

É indispensable unha orientación política distinta, pero cun proxecto claro, non vale querer sustituir o goberno se non se sabe que facer. Fai falta un proxecto político racional para conseguir as metas de forma sensata.

Son unhas eleccións clave para o futuro de CxG?

Non diría que son decisivas pero si son un paso importante no noso camiño. Por iso, é positivo que se adoptase con tempo a decisión de ir en solitario para ver se o proxecto xera interés entre os galegos.

Qué valoración fai da situación no Concello?

É complexa, tal e como se prevía. Os intereses xerais dos ourensáns non os vexo representados, vexo unha guerra de políticas de escaso recorrido. Hai un tema clave, o urbanismo. Urxe resolver o problema para ordenar a construcción e ter a capacidade de dotar espacios para investimentos.

Cal é a postura de CxG sobre a integración do AVE na cidade?

Cando presentan un proxecto onde o elemento primordial é o menor gasto, imos mal. Non digo que teña que ser faraónico e un despilfarro pero ten que ter condicións para dinamizar a cidade. Ademais habería que orientar o AVE para dar servicio a zonas do rural, que queda totalmente abandonado sen ningunha conexión. 

Te puede interesar