Ourense

A Xunta adica medio millón a 34 asociacións veciñais

Ourense

Servicios

A Xunta adica medio millón a 34 asociacións veciñais

“As asociacións poderán realizar obras de mellora para a rehabilitación e mantemento dos locais", explican 

A Xunta de Galicia adicará 511.400 euros para 34 asociacións de veciños da provincia de Ourense. As asociacións beneficiarias poderán realizar obras de rehabilitación e acondicionamento dos locais e adquirir novos equipamentos para a realización das súas actividades e prestacións de servicios aos veciños. Ademais poderán mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos. 

Os concellos beneficiados son: Cenlle, Petín, Leiro, Beariz, Vilamarín, O Irixo, A Peroxa, Carballeda de Avia, Cualedro, Riós e Monterrei, xunto con sete entidades veciñais do concello de Ourense, seis no municipio de Pereiro de Aguiar, cinco no de Lobios, tres no concello de Bande e dúas na Veiga. “Estas axudas contribúen a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora do benestar dos cidadáns e da calidade de vida local. Desta forma, renóvase a aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal”, afirman dende a Xunta. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan Específico de acción comunitaria.  

Este ano destinarase un orzamento de 2,5 millóns para as asociacións de veciños de Galicia sendo o maior investimento dende o ano 2016 cando se iniciou esta liña de subvencións. Durante este periodo o Goberno galego leva investido un total de 10 millóns de euros no Plan Específico de acción comunitaria. Para as entidades veciñais e as organizacións de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso, e outra para a compra de equipamentos. As comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.