Xunta, Diputación e concellos de Ourense unen forzas para a prevención de incendios

Medio Rural pediu ás catro deputacións colaboración neste eido, pero a de Ourense foi a única que respondeu, 

O conselleiro do Medio Rural, José González, agradeceu hoxe a implicación da Deputación de Ourense na prevención dos incendios forestais e animou aos demais organismos provinciais galegos a seguir o seu exemplo. Fíxoo tendo en conta os beneficios que este traballo comporta para a seguridade das persoas e dos bens e ademais porque a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Nesta liña, José González lembrou que a Consellería se dirixiu ás catro deputacións galegas para propoñerlles diferentes canles de colaboración neste eido, especialmente no que atinxe á intervención activa de medios municipais en labores de prevención e extinción, sendo o organismo provincial ourensán o único que respondeu.

En calquera caso, o conselleiro amosou a súa disposición a continuar nesta mesma liña de acadar unha efectiva cooperación institucional nun ámbito de gran importancia para Galicia. Neste sentido, avanzou que se vai propoñer ás deputacións e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a súa incorporación aos grupos de traballo que se están poñendo en marcha para elaborar a futura lei de prevención e extinción de incendios forestais, ao considerar que este debe ser un traballo conxunto de todas as administracións.

O titular de Medio Rural fixo este chamamento no acto de sinatura de nove convenios entre a Xunta, a institución provincial e outros tantos concellos ourensáns para financiar a adquisición, por parte dos municipios, de tractores e rozadoiras destinados a realizar labores de limpeza de matogueira nos seus respectivos territorios. O conselleiro estivo acompañado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polos directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Así, a Xunta e a Deputación financiarán esta compra de maquinaria para a prevención dos lumes cun total de 900.000 euros, aportados ao 50% por cada administración. En concreto, este acordo contempla os municipios de Boborás, Lobeira, Esgos, Oímbra, San Xoán de Río, A Teixeira, Avión, Trasmiras e Viana do Bolo, que se suman aos xa beneficiados nos anos 2017, 2018 e 2019. O obxectivo é incentivar e fomentar o mantemento e limpeza da maleza nas infraestruturas rurais de titularidade municipal e nas masas comúns das concentracións parcelarias que son do concello, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de xestión en terreos de titularidade municipal ou descoñecida.

Así, cada municipio contará cunha subvención de ata 100.000 euros para mercar un vehículo tractor e dúas rozadoiras -de arrastre e de brazo- coa finalidade de limpar matogueira. A achega é bianual, polo que os concellos poderán comprar dita maquinaria entre este ano e o que vén.

Te puede interesar