Ensino plurilingüe para máis de setenta mil galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará este curso 2013/2014 a máis de 72.200 alumnas e alumnos –un 31,2% máis que no curso 2012/2013- a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Para iso, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de publicar a relación definitiva de novos centros plurilingües, seccións bilingües, e centros participantes no programa CUALE, liñas de actuación todas elas enmarcadas no devandito Plan, posto en marcha polo Goberno galego no curso 2010/2011.

En concreto este curso haberá 185 centros plurilingües, 2 máis que os previstos inicialmente e 37 máis que no 2012/2013, que facilitarán aprendizaxe de idiomas a máis de 23.200 alumnas e alumnos de toda Galicia. No caso das seccións bilingües, estudarán nalgunha delas durante este ano académico 47.500 alumnos. En total haberá 2.856 seccións (en 704 centros educativos), 483 máis que no 2012/2013, o que supón multiplicar case por 4 as que había no curso 2008/2009.
Ademais, o sistema educativo galego contará este curso 2013/2014 cun total de 435 auxiliares de conversa - 24 máis ca no curso 12/13, e o que supón multiplicar por 6’5 os que había no 08/09 - , que prestarán o seu apoio en seccións bilingües, centros plurilingües e Escolas Oficiais de Idiomas
No caso do programa de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras (cuale), no 2013/2014 chegará a máis de 1.504 estudantes de 35 centros educativos, o que supón un 9,5% máis de alumnado beneficiado. Cómpre lembrar que ao abeiro deste programa o alumnado recibe formación complementaria e voluntaria fóra do horario escolar para preparar as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas.
Con estas novas incorporacións a Consellería de Cultura e Educación continúa a estender o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Desta forma, no 2013/2014 máis do 70% dos centros educativos sostidos con fondos públicos é plurilingüe ou conta con seccións bilingües.
No que se refire á provincia de Ourense, este curso contarán con novas seccións bilingües máis dunha vintena de centros de ensino de toda a provincia, concretamente 26 entre os que hai CEIP, CPR, CPI e IES.

ESTADÍAS DE OUTONO
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programará unha serie de actividades formativas para a mellora das competencias en lingua inglesa nos meses de novembro e decembro, que consistirán en estadías dunha semana de duración, organizadas en cinco quendas. O obxectivo é que o alumnado desenvolva nun contorno real a súa comunicación en inglés, complementando esta formación con actividades de carácter cultural e/ou deportivo. Esta convocatoria enmárcase na nova liña de actuación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura e Educación que se desestacionaliza e se amplía a todo o curso, converténdose nun importante esforzo da Consellería para a aprendizaxe de idiomas, tendo en conta o contexto de crise económica que levou a prescindir deste tipo de axudas a moitas Comunidades Autónomas.
O prazo para que os centros educativos presenten as súas solicitudes para participar neste programa rematará o día 30 de setembro de 2013. Os centros que resulten seleccionados deberán enviar á Consellería, antes do día 20 de outubro de 2013, a listaxe de alumnado que vaia gozar das estadías.
O programa de actividades está destinado ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de ESO matriculado en centros públicos. Así, a primeira das cinco quendas, que se levará a cabo do 3 ao 9 de novembro será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 10 ao 16 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 17 ao 23 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 24 ao 30 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 8 ao 14 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO.
O propósito desta iniciativa de estadías lingüísticas non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros ou excursións. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

Te puede interesar