Proxecta e Combas, dous ambiciosos proxectos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorporará este curso un 34,7% máis de centros ao Plan Proxecta, deseñado como un Plan de fomento da innovación educativa nos centros e posto en marcha pola Consellería durante o curso 2012-2013 co obxectivo esencial de promover dinámicas metodolóxicas innovadoras nas aulas que desenvolvan a educación en valores e as competencias básicas mediante proxectos interdisciplinarios.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, explicou no Parlamento de Galicia que neste curso 2013/2014 participarán nas accións do Plan Proxecta 454 centros, 117 novos centros respecto do curso pasado; que desenvolverán 992 proxectos, 228 máis ca no 2012/2013. Así mesmo, na segunda edición implicaranse un total de 5.537 docentes, o que supón 1.612 máis que na primeira edición do Plan Proxecta. Neste sentido o director xeral salientou a satisfacción da Consellería co interese que esperta este Plan de fomento da innovación educativas nos centros educativos.
O Plan Proxecta ten un triple obxectivo. Por unha banda, organizar a chegada dos diferentes programas da Xunta de Galicia aos centros, incluíndoos na súa programación anual e nas programacións específicas do profesorado participante; apoiar o desenvolvemento dos mesmos nos colexios e institutos; e mais recoñecer o esforzo innovador do profesorado, dándolle visibilidade aos seus proxectos mediante a súa publicación nos medios dixitais da consellería e premiando os mellores traballos.
O director xeral sinalou que a Consellería está a traballar para fomentar a participación dos centros educativos en proxectos innovadores, lembrou tamén que a Consellería vén de convocar por primeira vez os Premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012-2013, uns galardóns que recoñecerán boas prácticas innovadoras que se desenvolveron nos centros educativos galegos nas modalidades de mellora da convivencia nos centros educativos, atención á diversidade, uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos, desenvolvemento das competencias básicas, mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega, mellora da aprendizaxe e do uso das linguas estranxeiras e, por último, na modalidade de iniciativas de emprendemento e/ou de innovación metodolóxica na Formación Profesional.
Tanto o Plan Proxecta como estes Premios á Innovación buscan unha mellora nas dinámicas educativas nos centros que supoñan un avance e unha motivación intensa para o profesorado, e para que o alumnado adquira máis eficaz e máis activamente as competencias e os coñecementos que o leven a unha crecente posición crítica e autónoma.

pROXECTO combas
Por outra banda, c Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a primeira convocatoria do Proxecto Combas, un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros educativos a través do Plan Anual de Formación do Profesorado. A través desta iniciativa o departamento educativo da Xunta de Galicia dá un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en relación coa formación en competencias básicas en cada centro de ensino, a través da análise das súas necesidades particulares. Trátase dunha nova accións que se enmarca na política da Consellería de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros.
O obxectivo de Combas é apoiar a integración das competencias básicas (CCBB) no currículo na programación que se imparte, a través de concrecións curriculares para cada centro educativo participante, incidindo de forma especial na adecuación metodolóxica e na avaliación.
Os centros educativos que desexen participar no Proxecto Combas poderán solicitalos ata o día 28 de outubro de 2013, conforme aos requerimentos da convocatoria, publicada no portal web da Consellería, no enlace http://www.edu.xunta.es/web/node/10800 . A Fase 1 da convocatoria vai dirixida a centros sostidos con fondos públicos que impartan educación primaria ou ESO e que se incorporan por primeira vez ao proxecto. A Fase 2 está dirixida aos centros que xa desenvolveron o curso pasado a Fase A1 a través do Plan Anual de Formación do Profesorado ou que, sen desenvolvela, estean en condicións de abordala con éxito. Cada fase ten unha duración dun curso académico.
A Fase 1 ten por obxecto elaborar exemplos de tarefas que integren obxectivos, contidos, criterios de avaliación e competencias básicas (CCBB), iniciando unha concreción curricular particular e adecuada á realidade de cada centro educativos, e que se recollerán nun portafolio. Toda a documentación relativa ás actividades realizadas ao longo deste plan deberá ser entregada como traballo final, xunto cunha memoria de actas e avaliación de cada unha das tarefas desenvolvidas.
Na Fase 2, partindo da concreción curricular xa realizada polo centro, os centros desenvolverán unha Unidade Didáctica Integrada (UDI), o primeiro paso para a posta en marcha de diferentes proxectos de mellora da calidade educativa baseados na avaliación interna e externa. do rendemento do alumnado e do éxito escolar. Esta UDI quedará tamén recollida nun portafolio que se entregará como traballo final
Os docentes participantes recibirán unha certificación de 30 horas de formación por cada curso escolar no que formen parte do equipo que leva a cabo o programa no centro. De xeito complementario, as persoas coordinadoras recibirán unha certificación de Innovación Educativa con equivalencia en 20 horas de formación.
Asemade, os centros participantes terán prioridade para o desenvolvemento de actividades de formación en centros nas próximas convocatorias.

Te puede interesar