Voluntariado de Lectura-A, entre o alumnado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de lanzar, baixo o nome de ‘Voluntariado de Lectura-A’, unha nova iniciativa para impulsar as actitudes de colaboración e solidariedade entre o alumnado galego, coa que Galicia se converte en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria.

Enmarcado no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, o obxectivo deste programa é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, o que poderá concretarse a través da colaboración do alumnado nas diferentes actividades desenvolvidas na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa.
A primeira convocatoria de ‘Voluntariado de Lectura-A’ irá dirixida a todos os centros educativos que matriculan alumnado de 3º ciclo de ensino primario, actividades de colaboración na biblioteca do seu centro. Este labor poderá encadrarse nalgunha ou en varias das tres modalidades desta primeira convocatoria: ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, ‘Ler con...D’, e ‘Ler con...F’.
Os centros interesados poderán presentar a súa solicitude ata o 31 de outubro, seguindo as instrucións da resolución publicada no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web/node/10733 . Ao remate do curso seleccionaranse 4 centros de entre os participantes – un de cada provincia- cuxos estudantes e profesores implicados compartirán as súas experiencias nunha xornadas de convivencia, no marco das que asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado e nas posibilidades do voluntariado cultural. Ademais, abordaranse aspectos relacionados co cooperativismo, os xogos tradicionais, a lectura expresiva, a narración oral, o uso saudable das redes sociais.
A primeira convocatoria de ‘Voluntariado de Lectura-A’ terá tres modalidades. Así, ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, vai dirixido ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro. As outras dúas modalidades refírense ás actividades de lecturas compartidas. En concreto, ‘Ler con... D’ (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras). No caso de ‘Ler con... F’ (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello; como con anciáns nas residencias de maiores lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio.
‘Voluntariado de Lectura-A’ nace a partires da constatación de que cada vez máis alumnas e alumnos se están a implicar nas tarefas de atención á biblioteca e de mediación cos seus compañeiros, creando este xermolo de voluntariado cultural. Así mesmo, e a través de iniciativas como as Mochilas Viaxeiras ou os Clubs de Lectura as familias están avanzando na súa implicación nas actividades organizadas polas bibliotecas escolares, sendo en moitos casos os máis pequenos da casa os que actúan como mediadores para que nais, pais e avós a relacionarse cos novos soportes e a formarse como lectores a través delas.
Con esta nova iniciativa a Consellería de Cultura e Educación quere dar un paso máis, tanto no que atinxe ao papel da biblioteca escolar na aprendizaxe do alumnado – en coñecemento e en valores como a solidariedade-, como para estender a toda a comunidade educativa e á súa contorna os beneficios que supoñen á hora de mellorar o rendemento académico e de contribuír a preparar á cidadanía para afrontar os retos da sociedade da información. A iniciativa intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Neste sentido, pola súa participación nesta actividade, o alumnado e profesorado implicado recibirá unha certificación oficial de teren intervido nesta actividade, de conformidade co establecido na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de Acción Voluntaria.
Libros que van e veñe
As bibliotecas escolares contemplan nos seus programas algunhas actividades pensadas para implicar ás familias na formación dos nenos como lectores. As mochilas viaxeitas ou as pequenas mochilas dos alumnos de Infantil, que serven para gardar o libro que collen en préstamo na biblioteca para levar á casa, son dous exemplos destes 'Libros que van e veñen' e que vinculan á biblioteca coa casa. A colaboración das familias nestas iniciativas é vital, unha familia lectora será aquela que proporcione modelos de achegamento á lectura, que escolla os libros, o cine, o teatro, a boa televisión, etcétera, para o tempo de lecer; que conte historia, lea en voz alta, fale dos libros e películas, escoite música, visite exposicións, librerías e bibliotecas. As familias poden participar a través de diversos medios na realización de actividades de dinamización lectora (hora do conto, lecturas compartidas, club de lectura, faladoiros literarios..), poden colaborar na casa, lendo e compartindo lecturas cos seus fillos, narrando e escoitando, poden axudar en buscas de información ou actuar como informantes orais de experiencias diversas.
As familias poden colaborar tamén coa biblioteca participando no deseño e realización dalgunhas actividades como a hora do conto, lecturas compartidas, dramatización de contos ou colaboracións co equipo da biblioteca escolar na atención fóra do horario lectivo ou no préstamo ás familias.

Te puede interesar