A Xunta destaca o inicio de curso sen incidencias en Bacharelato, ESO e FP

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, destacou a ausencia de incidencias e a 'total normalidade' que presidiron o inicio do curso escolar hoxe en Galicia nas etapas de Bacharelato, ESO e FP, que suman 146.321 estudantes matriculados.

Vázquez atribuíu esta circunstancia, que continúa coa tendencia que xa marcou o inicio de curso en Infantil e Primaria no pasado mércores, ao 'intenso traballo' durante o verán de reformas nos colexios e o melloramento das aulas, e ao labor dos docentes, informou unha nota da Xunta.

Un total de 87.473 alumnos galegos inician hoxe as súas clases na ESO e 30.854 no Bacharelato; 10.561 en disciplinas artísticas, 469 nas deportivas e 16.964 no ensino para adultos.

Ao longo da xornada, o conselleiro e os delegados da Xunta e xefes territoriais de Educación visitaron diferentes centros educativos para comprobaren en primeira persoa o comezo das clases sen ningún incidente.

Vázquez visitou o IES Carlos Casares de Vigo xunto á delegada territorial, María José Bravo Bosch, e o xefe territorial, César Pérez Arez. Despois fixo acto de presenza no CEIP A Canicouva.

Dos 87.473 alumnos de Secundaria que hoxe comezaron as clases, 46.703 cursarán estudos de 1º e 2º da ESO, mentres que 40.770 estudarán 3º e 4º.

Por provincias, A Coruña conta con 35.683 alumnos matriculados; Lugo con 9.328, Ourense con 8.654 e Pontevedra con 33.808.

No Bacharelato comezaron 30.854 estudantes, dos que 12.575 están matriculados na provincia da Coruña, 3.247 en Lugo, 3.311 en Ourense e 11.721 en Pontevedra.

Te puede interesar