2022: a claqueta final

30 de decembro, tempos de rebobinar. Algún dato aleatorio: as plataformas dixitais consolidáronse, os cines volveron a programar regularmente, os festivais de cine retomaron as estreas presenciais e os cineclubes seguen e seguirán loitando na resistencia. Neste panorama de recuperación da industria no primeiro ano post pandemia, o cinema español recadou nas salas de cine un total de 74.192.887 euros recibindo arredor 12,5 millóns de espectadores. Unhas cifras que aínda seguen lonxe das rexistradas antes da pandemia, e independentemente da boa calidade e da variedade das propostas deste ano.

Tras gañar, entre outros, un histórico Oso de Ouro no último Festival de Berlín, Alcarràs de Carla Simón coseguiu converterse nun discreto éxito de público dentro do cine español de autor. En Alcarràs podemos atopar a sensibilidade e o rigor da cineasta ao achegarse á realidade, un retrato sensible da nenez e a mirada nostálxica sobre o rural do mestre Ermanno Olmi de El árbol de los zuecos (1978). Outra película de autor estreada este ano e que funcionou ben en taquilla foi As bestas de Rodrigo Sorogoyen. Ao igual que Alcarrás, o filme ten como localización o rural – aínda cunha narración e un resultado moi diferentes. As bestas inspíranse nos tráxicos acontecementos do crime de Santoalla e foi a película que mais incomodou a crítica e público este ano. Cun reparto de actores franco-galego excepcional, un guión e unha proposta visual sobresaínte, As bestas, merece estar entre esta recompilación das mellores películas estreadas neste 2022.

Non hai que esquecer a outros títulos españois. Sen dúbida a Mantícora, o poderoso regreso ao cine de Carlos Vermuth, pero tamén as miradas inéditas sobre a maternidade de Cinco lobitos de Alanda Ruiz de Arzúa e as de La maternal de Pilar Palomero. Igual merecen estar nesta columna o conto agónico sobre o waterpolo, 42 segundos de Álex Murrull e Dani de la Orden, ou Cerdita de Carlota Pereda, un orixinal relato que, a través do xénero, reflexiona sobre o bullyng e as súas consecuencias nun mesmo e nos demais.

Este 2022, foi tamén o ano no que o cine galego bateu o record de estreas na gran  pantalla. Non se recorda ver a tantas películas galegas na carteleira do cinema comercial como nesta primeira metade do ano. A virxe roxa, Jacinto, Malencolía, Código emperador, Live is life, Valentina, 9 fugas, Devolvendo o golpe, El tirabeque, Un cielo tan turbio, Eles trasportan a morte, 13 exorcismos, Corpo aberto, Escribir o imposible... só son algúns títulos galegos estreados en salas neste 2022. Máis dun gravados en Ourense e impulsados pola nacente Ourense Film Commission co obxectivo de apoiar as producións na provincia.

No ámbito do cine internacional non podemos esquecer Triangulo de la tristeza do director sueco Robert Östlund, Palma de Ouro no último Festival de Cannes, unha película coral no que se confirma o talento corrosivo do cineasta xa evidenciado en filmes como Fuerza Mayor (2014) ou The Square (2017).

Co filme La isla de Bergman, a directora francesa Mia Hansen-Løve reconectou coas pantasmas cinéfilas de Fårö, a illa onde viviu e traballou Ingmar Bergman. A pesar de moverse entre espíritos ilustres, o filme non é un necrolóxico e abre un diálogo sincero co corpus da obra do mestre desde unha mirada vital pero sobre todo creativa. Sempre protagonizado por Vicky Krieps é o filme de Marie Kreutzer, La emperatriz rebelde, estreado nesta última metade do ano. É unha película que deconstrue o mito moi popular da emperatriz Sissi. O filme retrata a horrorosa frialdade do cotiá, o aburrimento e a frustración dunha muller prisioneira do seu propio destino. Outra deconstrución dun mito feminino foi Blonde de Andrew Dominik e protagonizada por Ana de Armas. Blonde é unha película non conciliadora e grotesca, chea de altos e baixos, enriquecedora quizais máis ben polo debate que xerou que pola obra en si mesma.

Neste 2022, tamén puidemos celebrar á volta á gran pantalla do mestre David Cronemberg con Crimes do futuro, todo un manifesto-resumen en forma de película da súa forma de entender a arte. Tampouco queremos esquecer Sin novedad en el frente, a declaración antibelicista de Edward Berger, ou a ópera prima de Michael Sarnoski, Pig, onde Nicholas Cage nos amosou o papel máis sobrio da súa carreira. Entre as películas de entretemento lembramos tres: Thor: Love and Thunder de Taika Waititi, Nop de Jordan Peele, e Bullet Train de David Leitch.

Igualmente, o 2022 será recordado pola estrea de dúas magníficas películas de animación: Unicorn Wars do galego Alberto Vázquez e Pinocho, revisitación das aventuras literarias escritas por Collodi.

Poderiamos citar a máis títulos, tamén algunha serie ou documental, pero pechamos o ano con este glorioso puñado de filmes. Na espera dunha nova tempada cinematográfica, despídome tamén de ti, lector, meu semellante e cómplice, co meu mellor desexo cinéfilo: Buone visioni!

Te puede interesar