22,8% de españois utilizaron algún tratamento de medicina estética

22,8 por cento dos españois utilizaron nalgunha ocasión un tratamento de medicina estética, deles 74,8% son mulleres e 25,2% homes, nos 3.560 centros especializados existentes en España, segundo o primeiro estudo sobre estética que é presentado hoxe en Barcelona.
O informe fíxose público no 28º Congreso Nacional da Sociedade Española de Medicina Estética que, desde hoxe e até o vindeiro sábado, reúne na capital catalá un milleiro de médicos especialistas en estética, cun programa de dez sesións científicas, quince formativas e dez obradoiros monográficos.

A doutora Petra Vega, presidenta do Comité Organizador do Congreso, indicou que, nesta edición, se propuxo aos participantes abordar 'o tratamento integral das zonas consideradas difíciles de tratar do punto de vista médico-estético como olleiras, pescozo, brazos, malformacións do aparello xenital'.

O estudo presentado foi elaborado con 1.394 enquisas en total, das que 318 foron a usuarios destes servizos, entre novembro e decembro do pasado ano, co obxectivo de determinar o grao de penetración da medicina estética en España, así como a percepción e o grao de satisfacción dos usuarios destes servizos.

22,8% dos enquisados, dos que 74,8% son mulleres e 25,2 homes, afirman que recorreron a algún tipo destes tratamentos.

Segundo os especialistas que realizaron o estudo, estímase, de acordo con estes resultados proxectados en poboación feminina e masculina, que 35,3% das mulleres españolas e 11,1 dos homes recorreron á medicina estética.

Por súa parte, 77,2% dos enquisados afirman que nunca recibiron un tratamento estético e, desta porcentaxe, 25,6% precisan que nin sequera pensaron en facelo.

A xuízo dos impulsores do estudo, este 25,6% 'representa un mercado accionábel para a medicina estética', con 'claras posibilidades de crecemento' no futuro, indícase.

Só 4,6% dos cidadáns enquisados declaran que non utilizaron nunca un tratamento de estética por desconfianza.

Agrega o estudo que 62% dos que din que se someteron a algún tratamento destinaron a el un orzamento anual duns 500 euros.

Entre os tratamentos corporais máis solicitados está a depilación láser e o adelgazamento, mentres a eliminación de manchas e contra a acne son o máis demandado para a zona facial.

Pola contra, os procedementos contra o envellecemento son os que menos usuarios teñen, xa que só nove de cada cen usuarios de medicina estética optaron por un destes tratamentos.

A reputación do centro ou do médico especialista é o principal argumento que usan os enquisados á hora de escoller onde recibir o tratamento de medicina estética, por diante do prezo.

50% dos usuarios preguntados que fixeron un tratamento durante o pasado ano repetirán neste 2013, indícase na enquisa.

O estudo serviu tamén para construír un censo de centros de medicina estéticas existentes en España, onde hai 3.560, dos que 17% están situados en Andalucía (614), seguida por Madrid (573 centros e 16% do total) e Cataluña (551 e 15%).

A seguir, sitúase a Comunidade Valenciana, con 395 centros de medicina estética, que supón 11% do total; Galicia (208 e 6%); País Vasco (194 e 5%); Castela e León (170 e 5%); Aragón (131 e 4%); Castela-A Mancha (123 e 3%); Baleares (100 e 3%); Asturias (92 e 3%); Murcia (91 e 3%), Canarias (69 e 2%); Navarra, Estremadura e A Rioxa (61 e 2%, cada unha); Cantabria (54 e 2%); Ceuta (9 centros) e Melilla (3).

A doutora Nazaret Romero, membro do comité organizador do congreso, considera que o estudo é moi importante para o sector xa que 'manexamos datos reais e científicos que nos definirán o peso real que ten a medicina estética no noso país e contamos co primeiro censo' de centros en que se realizan tratamentos.

No congreso tamén participan como relatores os doutores Manel Esteller, director do programa Epixenético e Bioloxía do Cancro do Instituto de Investigación Biomética de Bellvitge (IDIBELL), e José María Ordovás, considerado o principal especialista mundial en nutrixenómica e que actualmente dirixe o laboratorio de Nutrición e Xenómica na Universidade de Tufts (Estados Unidos).

Te puede interesar