¡Buone visioni!

A adolescencia é unha enfermidade

Euphoria describe unha perdidísima xeración Z que ten como fío condutor a personaxe de Rue Bennett (Zendaya), unha moza adicta ás drogas 

Hai dúas semanas rematou a segunda tempada dunha das series máis exitosas de HBO Max, Euphoria. Dirixida por Sam Levinson, Euphoria inspíranse libremente nunha serie israelí co mesmo título do 2012 baseada no asasinato real, nun club nocturno de Ra’anan Levy, dun mozo israelí de 17 anos.

Levinson traslada a súa Euphoria aos Estados Unidos abrindo unha reflexión sobre os aspectos máis turbios da adolescencia. A través dunha visión explícita e bastante alucinada, Levinson mergúllase nas emocións e nos pensamentos máis fondos dun grupo de estudantes de instituto. Uns mozos que teñen que enfrontarse a temas recorrentes da súa idade como as drogas, o sexo, a violencia, os problemas de identidade, os conflitos familiares, as redes sociais, o amor e a amizade. En comparación, a serie Sensación de vivir–90210, que intentaba tratar os mesmos temas nos noventa, parece un conto de fadas.

Euphoria describe unha perdidísima xeración Z que ten como fío condutor a personaxe de Rue Bennett (Zendaya), unha moza adicta ás drogas nada tres días despois dos atentados do 11-S. A pesar de levar consigo o recordo dunha infancia feliz, ao chegar á adolecencia atópase no caos e na autodestrución. Pero Rue non é a única protagonista desta serie. Hai un retrato xeracional bastante amplo e variado. O punto de vista vai pasando a testemuña dun personaxe a outro, poñendo sempre o enfoque sobre as obsesións de cada un nun xogo de espirais que leva ó espectador a deixarse levar e a dar voltas como un barco no medio dun remuíño. Está Jules (Hunter Schafer), que nos pon diante a realidade dunha adolescente trans. Está Cassie (Sydney Sweeney), unha adolescente víctima da sexualización e do revenge porn. Sentimental e fráxil, Cassie non se quere o suficente como para non necesitar relacións tóxicas na súa vida. Maddy (Keilani Arellanes) é a súa mellor amiga e a súa contraparte. É confiada e fría, e no personaxe interpretado por Sharon Stone en Casino (1995) ve un modelo a seguir. Logo atopámonos con Nate (Jacob Elordi), arraigado nun modelo de masculinidade tóxica. Loita cos seus desexos ambivalentes e a herdanza turbia do seu pai. Por último, non hai que olvidar a Lexi (Maude Apatow), irmá de Cassie e mellor amiga da infancia de Rue. É a personaxe que ten un comportamento máis controlado con respecto aos outros. É unha alumna modelo, non se droga e mantense lonxe de causar problemas aos demais. Lexi é unha personaxe clave da segunda tempada. Confiará na súa condición de observadora e realizará a obra teatral que desatará o caos en dous capítulos da serie, unhas xoias do metateatro.

Rue, Jules, Cassie, Maddy, Nate, Lexi... non son os únicos personaxes de Euphoria. Cada un aporta algo importante neste drama colectivo impactante que se balancea entre cine de poesía e pura estética.

A música é outro factor imprescindible que marca o estilo de Euphoria. Sam Levinson demostra un coidado maniático na composición do universo sonoro, un amor pola música e a imaxe que só podemos estimar en directores como Luca Guadagnino ou Gaspar Noé, cineastas que tamén retrataron a adolecencia coa súa intensidade emocional desbordante.

A segunda tempada apagouse sen máis, dando a sensación de pisar no chan un cigarro a medio fumar. Así, agardamos volver a reconectar canto antes cos protagonistas desta serie, aínda que xa sabemos que a rodaxe non chegará ata comezos do 2023.

Te puede interesar
Más en Sociedad