O afán de Field en TÁR

No 2001, Todd Field –aínda moi novo- debutou á gran pantalla con “En la habitación” (2001), un thriller bastante ben orquestrado a partir dun romance entre unha nai separada e un estudante. “En la habitación” inoculou algo de frescura nunha Hollywood xa estancada entre remakes e superheroes, e o filme distinguíase especialmente polas excelentes interpretacións de Marisa Tomei e de Nick Stahl. Coa seguinte película, “Juegos secretos” (2006), foi confirmado o seu talento na dirección de actores e contounos outra historia de paixón, destapando con frialdade as hipocrisías dun suburbio ao estilo “American Beauty”. 

Dezaseis anos despois, o cineasta volve con “TÁR”, sen dúbida a película máis ambiciosa da súa breve filmografía. O filme céntrase sobre a personaxe ficticia de Lydia Tár, unha directora de orquestra que está a punto de sacar o seu libro biográfico e gravar en Berlín a Quinta Sinfonía de Mahler que selará definitivamente o seu nome entre os grandes da música clásica. Dende o comezo, o filme parece un biopic pero sen selo de verdade. E máis que celebrar os éxitos da protagonista proporciona un relato sobre a súa caída.

O abuso de poder é o tema de fondo desta película. Lydia Tár é unha personaxe ambigua. Reivindica o seu papel de directora de orquestra lesbiana nun ambiente heteropatriarcal -mais aló da ficción, é verdade que ningunha muller dirixiu a Filarmónica de Berlín. Ao mesmo tempo, ao ser unha protexida de Leonard Bernstein, aproveita do seu estatus para satisfacer os seus desexos sexuais e seguir avanzando na súa escalada social. O seu discurso faise pouco a pouco confuso e incongruente e a súa conduta inmoral a levará ao fracaso.

A película está ambientada no mundo da música clásica occidental, pero a música como expresión artística é a gran ausente. O discurso musical convértese nun palabrerío constante, feito de reflexións intelectuais e anécdotas melómanas. Máis aló disto, “TÁR” toca de xeito provocatorio temas moi contemporáneos como as cuestións sobre o xénero e a igualdade de oportunidades, o papel das redes sociais ou o abuso de poder en círculos de elites historicamente moi pechados –no filme hai unha referencia directa a Plácido Domingo.

Cate Blanchett fai un dos mellores papeis da súa carreira. Gañou a Coppa Volpi á mellor interpretación no Festival de Venecia, hai pouco o Globo de Ouro, e agora está entre as nominadas aos Premios Oscar. Se gañara a súa terceira estatuilla non sería unha sorpresa. A súa interpretación mantén en equilibrio a fráxil estrutura do filme durante 158 minutos. En mais dunha escena a película parece ter como referente o cine de Haneke, pero aquí todos os acontecementos non resultan, no bo e no malo, totalmente fiados. O epílogo chino soa algo desconcertante. Pero está claro que o director quere deixar a porta aberta a interpretación. A mensaxe final resulta bastante ambigua, en perfecta harmonía co carácter da súa protagonista.

Te puede interesar