¡BUONE VISIONI!

Aínda hai mañá

7454968

En Italia, o 12 de xuño de 1946 as mulleres votaron por primeira vez. O 89% delas (13 millóns en total) acudiron ás urnas para expresar o seu voto a favor da monarquía ou da república. Paola Cortellesi, recoñecida actriz de cine, televisión e teatro, fai o seu debut como cineasta cunha película titulada “Sempre nos quedará mañá”, ambientada en Roma nos días previos ás votacións históricas. Cunha mirada insólita, Cortellesi conta a vida dunha muller vítima de malos tratos por parte do marido. A súa filla maior, Marcella, está na espera de casarse cun rapaz da clase media, Giulio, coa intención de liberarse da pobreza na que vive a familia. Pero moi cedo a nai descubrirá que Marcella vai repetir os mesmos erros que cometeu ela de moza e intentará tomar medidas...

A elección do branco e negro, o uso do dialecto romano e a ambientación –a Roma da posguerra– pode levar automaticamente a lembrar e citar o neorrealismo, mais a ópera prima de Cortellesi está nas antípodas deste movemento cinematográfico. “Sempre nos quedará mañá” podería ser máis ben un remake pop do neorrealismo ou simplemente unha dramedia cun transfondo histórico. O argumento en si mesmo non é sorprendente, pero si o é a forma traxicómica de contalo. Custa, ao principio, acostumarse a esta linguaxe, pero co paso dos minutos a película empeza a brilar por luz propia e agradécese ese ton absolutamente orixinal co que se mestura comedia e drama.“Sempre nos quedará mañá” pon o foco sobre a violencia contra a muller desde o primeiro encadre. A sociedade patriarcal está reducida a unha serie de posturas e diálogos estereotipados. Uns temas románticos fan de contrapunto ás escenas de violencia, e alí os malos tratos da parella convértense nun baile-pelexa que deixa sen palabras. A comedia inxírese neste universo de crueldade dunha forma nin sequera demasiado sutil, creando un contraste bastante chocante. Así que “Sempre nos quedará mañá” procede entre golpes e caricias, bofetadas e notas musicais, as veces con demasiada soltura. É un melodrama por momentos moi duro pero sempre sen perder a tenrura.

Paola Cortellesi interpreta a actriz protagonista e acompáñana o, xa veterano, actor das producións italianas independentes, Valerio Mastandrea, e un grupo de grandes actores e actrices como Romana Maggiora Vergano, Giorgio Colangeli, Emanuela Fanelli ou Vinicio Marchioni.

“Sempre nos quedará mañá” foi un éxito de taquilla en Italia e arrasou aos David de Donatello –os Premios Goya de Italia– obtendo 19 galardóns. No final, Cortellesi fai toda unha declaración sobre a importancia do voto e do papel das mulleres niso. Algo insólito, pero tamén moi necesario, nunha sociedade italiana cada vez máis desencantada con respecto á política e onde o debate sobre o papel da muller non figura precisamente na orde do día.

Te puede interesar