CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Alonso de Puga, o gran falsificador

A torre de Puga preside parte dos territorios que pertenceron á saga familiar e que hoxe relocen co dourado outonizo.
photo_camera A torre de Puga preside parte dos territorios que pertenceron á saga familiar e que hoxe relocen co dourado outonizo.
Unha espectacular torre en ruínas e o que queda dunha casa grande no lugar do Olivar de Puga (Toén), son algúns dos vestixios que un día pertenceron a Alonso de Puga gracias ás malas artes que este utilizou para ver crecer o seu patrimonio

A existencia dun pergameo do séc. XII no Arquivo da Nobreza de Toledo, que uns monxes da abadía de Cardeña (Burgos) falsificaron para que semellase do séc. X e así apropiárense dunha igrexa e o litixio polas ruínas de Santa Comba de Naves, mentáronme ó impar Alonso de Puga, un ourensán do séc. XVII que manipulou ducias de documentos, polo que foi condenado varias veces “por falsificador, seductor de testigos, sobornador de escribanos y sustractor de papeles”. Unha delas, a dous anos de cadea en Orán.

Cando os profanos contemplamos un documento medieval -xa sexa en papel ou pergameo- nin remotamente pensamos na posibilidade de que poida ser falso. É un xeito subconsciente -presupoño- de outorgármoslle veracidade á historia que nos conduciu ata aquí.

 Sen embargo, a actualidade tennos demostrado que non todo o que reloce é ouro, cousa que saben ben os historiadores e do que, como non podía ser doutro xeito, tamén temos un exemplo (seguro que hai moitos máis!) en Ourense, na figura de Alonso de Puga.

Membro sinalado da torgueira dos Puga, o tal Alonso -coñecido como “señor de la torre de Louredo”- viviu alá polos anos que uniron o século XVI co XVII e moitas das súas falsificacións (algunhas de documentos do século XIV) co tempo provocarían unha manchea de litixios cun longo ronsel de poderosas familias galegas e co clero regular e secular, que viron ameazados os seus dereitos e posesións polas falsas atribucións ás que facían referencia os documentos manipulados por Alonso.

Das singulares feitorías de tan singular personaxe dá fe o historiador Benito Fernández Alonso no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, nun artigo que titula “Falsificadores célebres” e no que enumera algunhas destas familias tales como os Temes, Varela, Feijóo, Nóvoa, Villamarín, Sarmiento, Fefiñanes, Bahamonde, Sotomayor, Ozores, Mosquera, Valladares, Sandoval y Figueroa, ademais dos mosteiros de Oseira e Melón, sen esquecer ós cabidos da catedral de Ourense e mesmo da metrópole compostelá.

Entre tódolos legaxos que foron obxecto de litixio, destaca Fernández Alonso “quince documentos apócrifos” que chegaron ata as Audiencias da Coruña e de Valladolid, onde foron definitivamente resoltos “condenando a perpetuo silencio a muchos de los litigantes y mandados encerrar -os documentos- en el archivo secreto de la Real Chancillería de Valladolid”.

Ora ben, o mellor perfil do “cabaleiro” Puga dánolo o crego de Razamonde nunha declaración solicitada polo Nuncio. Nela, Hermenegildo de Arba di: “... según es pública su fama, se dedica a falsificar escrituras y, como hombre poderoso y sagaz, los labradores y personas que saben una cosa, de temor y miedo que le tienen por todo el contorno, se abstienen de declarar o deponen lo que les manda”.

Para poder levar a cabo todos estes “desaguisados” Alonso precisaba de leais colaboradores, sen escrúpulos, tales como “los escribanos Gregorio de Parada y Alonso de Sobreira”, que tampouco saíron indemnes das súas falcatruadas escribanas, pois no ano 1601 o segundo deles foi condenado “a privación perpetua del oficio, vergüénza pública, costas y otras penas”; mentres que o primeiro foino a “pérdida de escribanía y oficio, a 200 azotes y diez años a galeras al remo y sin sueldo”.

Pola súa banda, Alonso de Puga, en 1604 sufriría dous anos de desterro e multa de 60 mil maravedíes, mentres que en 1610 sería condenado “a dos años de presidio en Orán y 200 mil maravedíes de multa y costas procesales”, que non habían ser pouca cousa.

O asasinato do bispo no pozo Maimón e unha novela de Otero Pedrayo na Cuqueira

O Pazo do Olivar puido ser o escenario perfecto para a novela de Otero.
O Pazo do Olivar puido ser o escenario perfecto para a novela de Otero.

Entre os documentos que sufriron a manipulación de Puga (“recogía pergaminos antiguos y raspándoles el manuscrito, los apomazaba y escribiendo encima los ponía al humo para que parecieran viejos”)  destacan especialmente, dous.

O primeiro responde a un litixio que mantivo coa catedral de Ourense “por el derecho de presentación del curato de San Pedro de Moreiras”, para o cal Alonso presentou un testamento falso de Pedro Vázquez de Puga “O Branco”.

Para outorgarlle credibilidade, Alonso de Puga non ten reparo en responsabilizar ó seu avó de promover “la muerte del obispo don Francisco Alfonso, arrojándole al pozo Maimón del río Miño, camino de Puga”, un afamado crime que recolle o Padre Florez na “España Sagrada” e que resultou ser obra maquinada polo escudeiro do duque de Arjona, Pedro López Mosquera.

O segundo documento correspóndese co foro da “granja y pousa de la Cuqueira”, unha gran finca situada na actual parroquia de Macendo e que no ano 1474 estaba aforada “en contrato de enfiteusis -é dicir, vitalicio- al imperial monasterio de Santa María de Oseira”.

Unha finca que espertou no seu momento a curiosidade de Ramón Otero Pedrayo, que o levou a elixila como escenario dunha das súas novelas escritas en castelán e que o patriarca titulou como “La vocación de Adrián Silva”.

A novela saíu á luz en 1950, pero tres anos antes, o don Ramón, que xa debía andar con ela, escribía no seu “Parladoiro” de “La Noche” compostelá: “... Noutro tempo había na Cuqueira, un vello e rexo patriarca inzado en fillas e fillos. Orgolecíalle ser o xefe da única familia mouradora na encosta maduradeira no tempo de cepa vella  dos mellores brancos entre o Viso e Ventosela. Inda que non hai noticia algunha, os pardiñeiros da Cuqueira semellan, envolveitos no bruidar das vésporas ou no abrochar da primavera temperá, as roinas dun pazo maxinado. Arestora fálase moito da Cuqueira. Ogallá se non falara. O sangue do crime vai faguela máis lonxana e sola”.

A chegada dun seminarista ó pazo, un manuscrito medieval, unha xitana do sur de Italia, unha filla bastarda do derradeiro cabaleiro, os ciumes da señorita do pazo e un tráxico final adoviado coa prosa sobranceira de Otero, crean un caldo de cultivo literario que pide ser consumido coa lectura inmediata da descoñecida da novela.

Te puede interesar