Ángel Sevilla "20 años"

photo_camera Portada do disco de Ángel Sevilla.

Xa sabedes o moito interese que poño na promoción de todos os nosos artistas, sexan de maior ou de menor sona, e especialmente de aqueles que nestes tempos de ausencia total de escenarios son quen de sacar un disco ao mercado. Este é o caso de Angel Sevilla, ben coñecido por todos os amantes da “Verbena Galega” xa que formou parte da Orquesta “Palladium” e de “La Fórmula”; sen esquecernos dos seus comezos sendo case un neno na Orquesta “Malibú Show” do seu Benavente natal; ese cruce de camiños que tan ben coñeciamos os do sur de Galicia cando emprediamos viaxe cara o País Vasco, Madrid ou Andalucía, sendo unha parada obrigatoria para repoñernos dos mareos das interminables reviravoltas das Estivadas e das Portillas do Padornelo e A Canda.

Pois de Benavente chegou hai xa oito anos este estupendo artista para vivir con intensidade as xiras de verán e emprender tamén carreira como cantante solista, sen esquecernos desoutra alternativa que constitúe o Grupo “Airband”, un cuarteto que se basea fundamentalmente na música do rock e o pop español. Nestes tempos tan complicados para este mundo musical, nada mellor que diversificarse e ofertar varias alternativas coas que poder subir de novo aos escenarios. Xa son moitos os lugares onde en vez de dar carpetazo outro ano máis as súas festas ou festivais, buscan novas maneiras de facelas revivir sen que iso afecte á seguridade necesaria en tempos de pandemia. Que eu saiba botar unhas ducias de bombas de palenque non é contaxioso, que unha banda de música dea unha alborada ou un concerto con público sentado ao aire libre non é contaxioso, que artistas como Angel Sevilla poidan ofrecer a súa arte non é perigoso se nos esforzamos en facelo ben. Evidentemente todo esto dá máis traballo; o fácil é pechar un Auditorio e non facer nada, para iso non precisamos a ninguén nos departamentos municipais de cultura ou de festexos; pechamos o quiosco e aforramos cartos en nóminas. O realmente difícil é facer todo o contrario, reunirse, aportar ideas, colaborar entre administracións e non permitir que milleiros de persoas e de familias sigan vivindo este inferno e esta incerteza. 

Contábame Angel Sevilla nunha entrevista que lle fixen para presentar o seu disco na Radio Galega que mesmo tivo que vender o seu coche para facer realidade o soño de publicar un disco para festexar os seus primeiros vinte anos no mundo da música; non me digan que xa soamente iso non é como para programar unha xira en toda regra, como parece que pode ter nas súas outras terras de Castela-León este verán; pero él ama Galicia, á que considera agora mesmo a súa casa, con permiso dos amigos de Benavente, e é aquí onde quere sorprendernos coas súas cancións, desde o single “Si se da” que agora mesmo está promocionando, ata “Tu perfume”, interpretada a dúo con D.J. Federato, quen está detrás de moitos dos éxitos de artistas galegos, sexa como productor, autor ou músico; artistas como Roi Méndez, Lucía Pérez, Fátima Pego, Alejandra Páis ou a nosa Tamara Pérez entre moitos outros e outras.

Angel Sevilla traenos con este disco “20 Años” unha mensaxe positiva, de alegría, de música festiva, combinando o funky e o son dos 80 con ritmos e sons actuais; os seus innumerables videoclips son sempre moi coidados e de gran beleza, nos que o artista quere ofrecernos a mellor das caras e sempre con ese estilo elegante e impecable que o caracteriza.

Te puede interesar