Os Bolechas piden os nenos que queden na casa

Os populares personaxes lanzan unha mensaxe aos máis cativos e ofrecen o seu material audiovisual para pasar os días da mellor maneira posible

Quedan por diante moitos días na casa e resulta imprescindible buscar momentos de ocio e de diversión pero tamén de aprendizaxe e repaso. É importante fixar uns hábitos especialmente de cara ás nenas nenas e nenos máis pequenos. Os Bolechas, a través da web e das diferentes canles dixitais, ofrecen alternativas didácticas e de ocio que farán máis levadeiro este tempo na compaña dos personaxes favoritos da cativada galega.

Na web dos Bolechas (osbolechas.gal) hai dispoñibles en aberto varios xogos, desde sopas de letras e quebracabezas a debuxos para colorear, xogos de preguntas e respostas etc. Tamén na páxina web hai un apartado de descargas con materiais especialmente deseñados para promover a motricidade e a creatividade da cativada. Entre as propostas hai dúas pensadas para o día do pai, de forma que as nenas e nenos poidan continuar a súa actividade do xeito máis normalizado posible ao tempo que se divirten e aprenden.

Con este mesmo obxectivo na área didáctica da web hai dispoñible material para traballar diversas temáticas, tanto referentes a cultura e lingua como a hábitos saudables ou cidadanía, temas que cobran un especial interese neste momento no que a saúde, a solidariedade e a conciencia cívica e cidadá adquiren unha gran relevancia.

Outro material interesante é o curso de inglés-galego. Na páxina web osbolechas.gal/one2three, están dispoñibles tamén xogos e actividades, así como os capítulos da serie, perfectos para repasar pasándoo en grande cos Bolechas.


Audiovisuais e libros online e novo material en redes


Ademais dos capítulos da serie One2Three, na canle de TV da web dos Bolechas hai  dispoñible moito material audiovisual, desde concertos ata capítulos da serie dos Bolechas e de Brauliotuber, o programa de Braulio nos colexios galegos, que tamén poden verse na canle de Youtube dos Bolechas, na web da Televisión de Galicia e mesmo na app do Xabarín. E, por suposto, cada día a canle pública autonómica continúa emitindo as aventuras da popular familia na programación infantil da súa segunda canle.

Un material ao que se suman moitos dos libros e guías dos Bolechas dispoñibles online e novas propostas nas que se está a traballar e que se van publicando cada día tanto na web como nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter), co fin de colaborar a facer o máis levadeira posible esta difícil situación que estamos a vivir e normalizar no posible a vida diaria da cativada da man dos seus personaxes favoritos.

Todo cunha mensaxe moi clara que se encarga de transmitir estes días, en nome de toda a familia, un dos personaxe máis queridos, Braulio Bolechas: #EuQuedoNaCasa

Te puede interesar