CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

De cando un terremoto estiñou as Burgas

A fonte das Burgas non era coma hoxe na época do terremoto, pero o manancial mantíñase no mesmo lugar.
photo_camera A fonte das Burgas non era coma hoxe na época do terremoto, pero o manancial mantíñase no mesmo lugar.
Comezaba a ser alta a mañá outoniza. Os feligreses ourensáns dispúñanse a celebrar o día de Tódolos Santos acudindo a misa, como era de rigor. De súpeto, a terra comezou a tremer. Lisboa, alá ó lonxe, esnaquizábase e Ourense sentíao tamén

A feitos como estamos a seguir pola televisión as grandes catástrofes denominadas naturais que a terra vai provocando paulatinamente polos catro puntos cardinais, pensando que somos alleos a eles, pídeme o corpo deixarme levar polos fondallos da historia e facer un alto no día 1 de novembro de 1755, que nos ensinou que non é preciso estarmos ó seu carón para que eses estouridos atroces que de cando en vez exterioriza o planeta nos arrefríen tamén a nós.

É posible que nalgún momento teña lido, visto ou escoitado falar do "Gran Terremoto de Lisboa", porque aínda hoxe é considerado polos cintíficos como o máis destructivo terremoto sufrido na península Ibérica e a meirande catástrofe natural vivida polo de agora en Europa.

Aquel 1 de novembro de 1755, as placas tectónicas que se xuntan na denominada "falla Azores-Gibraltar" decidiron reasentarse a uns 400 quilómetros ó suroeste de Lisboa e co seu momevento telúrico provocaron un terremoto de 8,5º e a destrucción practicamente total da capital portuguesa, deixándose sentir con grande intensidade -como veremos de seguido- en toda a península Ibérica e, polo tanto, tamén na nosa alonxada provincia.

Isto coñéceo moi ben a arquitecta ourensá Begoña Ces, que realizou a tese doutoral arredor dos seus efectos sobre o patrimonio monumental de Galicia, igual que o coñeceron en tempo real os encargados de responder a unhas enquisas que o rei Fernando VI mandou enviar a "las ciudades y pueblos más significativos" para coñecer a dimensión territorial do tremor que el sentira dende o Escorial.

No caso de Ourense, son unhas oitenta as fichas que se conservan no Arquivo Histórico e que dan conta da afectación do sismo a unha ducia de construccións significativas da provincia, tales como a propia catedral de Ourense, o mosteiro de Montederramo, o de Santo Domingo de Ribadavia, o de Melón ou o de Celanova, ademais do castelo de Allariz, as igrexas parroquiais de Randín, Castrelo de Miño, Grou, Chas, Xermeade ou Ventosela, así como a vella ponte de Castrelo de Miño.

Aínda que por fortuna non foron grandes as catástrofes vividas na nosa provincia, si que resultan curiosos algúns testemuños recollidos naquel momento e despois do propio suceso, tales como o dun pleno de Ourense de 1919 no que se abordaba a posibilidade de explotar comercialmente as augas das Burgas e no que un concelleiro pedía "se tenga cuidado con la manipulación de las fuentes, no vaya a ser que la mano del hombre haga desaparecer lo que sólo consiguió la fuerza desatada de la naturaleza, allá por 1755, cuando el célebre terremoto destruyó Lisboa y se hizo notar aquí, abriendo una brecha en el cimborrio de la catedral y dejando la fuente de las Burgas sin agua durante 24 horas".

Ou o do "alcalde Mayor de Melón", que di: "... que hallándose en el coro a aquella hora el reverendísimo Padre Abad y su comunidad, habiendo observado que de sus bóvedas se desplomaban piedras y cal, lo desampararon, escapándose el Padre Abad y cada monje como pudo atropeyándose unos a otros para salirse fuera del monasterio a su busque y huerta..."

Sen desbotar tampouco o do abade de Montederramo, que "oyó tal ruido, que juzgó caía la celda por los movimientos que hacían las maderas, por cuya causa salió con aceleración de dicha celda con ánimo, como lo ejecutó, de irse a la huerta y pasando por la celda de fray Carlos Vallexo, que se estaba rasurando, le dijo que saliese corriendo, que se caía el colegio..."

E mesmo o de Santo Domingo de Ribadavia, que di: "... y temblaron las casas, iglesias y más edificios y el río Avia se puso alodado y aún después se volvieron a sentir otros terremotos..."

Te puede interesar