O cine galego en pantalla grande

A primeira é un thriller baseado en feitos reais. Luis Tosar protagoniza a Juan, un home dos servizos secretos, que leva a cabo, en paralelo, traballos non oficiais para protexer os intereses das élites máis poderosas do país. Código Emperador é un thriller bastante solvente, feito con moito oficio, cun efectivo e dinámico traballo de montaxe e un bo reparto de actores. O filme, producido por Vaca Films, foi a película inaugural do último Festival de Málaga. Leva xa dúas semanas na carteleira do cinema comercial e obtivo, ata agora, un discreto éxito de público e crítica.

Malencolía, o último filme de Alfonso Zarauza, inaugurou a última edición do OUFF, e hai unha semana estreouse en 25 salas de toda Galicia. Conta a historia dunha parella galega que, despois de 10 anos vivindo en Berlín, decide dar un novo rumbo á súa vida regresando a Galicia. Mercan unha casa nunha suposta aldea abandonada pero na que vive unha señora coa que empezan a manter unha estraña relación. O filme trae inspiración dun concepto poético de Curros Enríquez e, lonxe da estética de Ons (2020), Zarauza aventúrase nunha atrevida mestura de terror e comedia. Malencolía é un filme de primeiros planos que mantén un estreito diálogo proveitoso co grotesco. A parella protagonista, interpretada por Melania Cruz e Xulio Abonjo, comparte a pantalla xunto con Ledicia Sola, Xosé Touriñán, Deborah Vukusic, Tito Asorey e cos recentemente ganadores dos Mestre Mateo Iolanda Muíños e Diego Anido.

O documental Un cielo tan turbio de Álvaro F. Pulpeiro chega á pantalla grande esta fin de semana, mentres Jacinto, Devolvendo o golpe, Eles transportan a morte, Escribir o imposible e Live is Life son outras películas galegas que veremos na gran pantalla nos próximos dous meses. Estas últimas tres, xunto con Malencolía, teñen localizacións importantes na provincia de Ourense.

A distribución é unha das fases máis complicadas da industria. Aínda máis difícil é facer chegar un filme independente ás carteleiras do cinema comercial. Ao día de hoxe, que o cine máis periférico -e galego- consiga facerse un oco nas salas con algo de regularidade é un evento que hai que celebrar. E a mellor forma de facelo é ir ao cine a velo.

A semana pasada inaugurouse a Ourense Film Commission. O seu obxetivo é apoiar as producións galegas, nacionais e estranxeiras da industria audiovisual, na loxística necesaria para desenvolver o seu traballo na provincia. Ademais de promover a difusión nacional e internacional do audiovisual ourensán, e por suposto, maximizar as repercusións económicas para a provincia.

Te puede interesar
Más en Sociedad