Coñecen vostedes a Venancio d’as Pitas?

Había meses que devecía por escribir sobre este ourensán, pero non atopaba un motivo acaído que me dera pé para facelo. O atraco na vivenda dun matrimonio residente no barrio do Pino, nas aforas das capital, fíxome volver a vista atrás e, salvando o “modus operandi” (naqueles tempos con menor aprecio pola vida allea) e a distancia secular, rememorar episodios nos que bandoleiros coma Venancio gabábanse de seren considerados uns mitos polas comarcas nas que actuaban, nalgúns casos con pretenciosa impunidade.

En San Andrés de Penosiños consérvase esta lenda lapidaria que ben podería asinar un bandoleiro coma Venancio.
En San Andrés de Penosiños consérvase esta lenda lapidaria que ben podería asinar un bandoleiro coma Venancio.

Non logrei saber a ciencia certa a que respondía o alias “d’as Pitas” co que el mesmo fachendeaba cando xa as fábulas das súas andainas pasaran a mellor vida e coas que encheu os editais da Xustiza de expedientes e sentenzas condenatorias entre os anos 70 e 80 do século XIX, sementando, en consecuencia, os xornais da época de titulares e “historietas”, nalgúns casos mesmo histriónicas, que chegaron a seren tan recorrentes entre a iletrada sociedade do momento como para daren o salto ó ámbito da mitoloxía popular.

O que si foi máis doado de documentar é que abriu os ollos ó mundo en 1849 na parroquia de San Andrés de Penosiños -hoxe lugar de Vilavidal-, que en 1875 era solteiro e veciño do Viso e que, cando aínda non chegara ós 20 anos foi condenado por un roubo de galiñas, feito que me ten levado a maliciar na posibilidade de que o alcume lle fose acuñado por tal causa.

Respondía ó nome de Venancio Rodríguez Veloso, natural de San Andrés de Penosiños (Ramirás), e foi o terror dos curas de Ourense na primeira metade da década dos 70 do século XIX. Pero todo o mundo o coñecía como “Venancio d’as Pitas”

Seis meses de “arresto mayor” foi a pena, que debeu cumprir dun xeito estoico pero nada reparador. Non en van, con ela inicia unha intrépida carreira que en agosto de 1886 resumiría “El Eco de Orense”, ó dar conta de que o “bizarro” Venancio acababa de caer detido en Portugal e estaba a piques de ser extraditado a Ourense.

Vexamos, senón. Dirixido por Valentín Lamas Carvajal, o bisemanario ourensán informa de que, superada a condena do roubo das pitas, non pasa un ano sen recibir unha nova causa de prisión “por robo de dinero y efectos” a un matrimonio da bisbarra e logo unha segunda pena sensiblemente maior -5 anos!- por roubo dunha mula e outros elementos domésticos, en Sande.

É de supoñer que, tanto por mor da duración da condena como posiblemente por un intento de afastalo da súa zona de influencia, o tribunal decidise o seu traslado a Zaragoza. Traslado que motivou unha pernocta no cárcere de Entrepeñas (Zamora), do que fuxiu, sendo posteriormente declarado en rebeldía polo xulgado de Celanova como autor dun novo atraco en Refoxos (Gomesende), que elevou drasticamente o seu nivel delictivo ata o grao de homicidio, ó ter resultado morto no episodio un veciño desa aldea.

Un novo saqueo, nesta ocasión no lugar de Santomé, en 1873, espertaríalle a afección polas reitorías, iniciando así unha xeira de acoso sobre os abades parroquiais polas terras de Cartelle, Allariz, Xinzo e Verín ó longo da raia seca -algúns con resultado de morte- que lle outorgaron o senlleiro título de “el terror del clero”.

Neste sentido resulta clarificador o edito publicado o 31 de xullo de 1875 no boletín oficial da Coruña, asinado polo escribán de Celanova, José Benito Reza, no que non só se dá conta pormenorizada do botín conseguido na casa parroquial do presbítero de Bobadela (“2.300 reales en monedas de oro en paquetes, 1.200 reales en plata, calderilla y oro dentro de tres saquetes o talegos, un reloj de bolsillo, un paraguas nuevo, una capa azul con embozos de terciopelo” e un sen fín de obxectos domésticos), senón que incluso fai unha ilustrativa descrición dos catro asaltantes, entre eles “uno que hacía de jefe, llamado Venancio Rodríguez Veloso, bien portado, con capa de embozo blanco y tapabocas oscuro, voz afeminada, con poca barba, de color algo rojo y resuelto en su movimientos”.

Non debeu ser, este, o derradeiro golpe de Venancio, aínda que é moi posible que a morte dun dos seus compañeiros noutro asalto en Cartelle provocase a súa fuxida temporal a Portugal.

Acollido polo vizconde da Torre, obtén carta como refuxiado político carlista en Guimarães

Procesado polo asalto á casa parroquial de Bobadela, fugado do cárcere de Riós, declarado en rebeldía por outro atraco en Cartelle e simpatizante -descoñezo se por ideoloxía ou conveniencia- da causa carlista, durante meses de entre 1874 e 75 dedícase a recadar fondos para sufragar un movemento insurrecional que curiosamente tamén abrazan moitos cregos da provincia.

“Con las cantidades recaudadas -recolle “El Eco de Orense”- emigró a Portugal, refugiándose en casa del vizconde de la Torre -afecto tamén á causa sucesoria-, quien lo acreditó en Guimarães como emigrado político”.

Pero o espírito indómito de Venancio non lle permite estar quedo e, por máis que a súa situación económica sexa xa desafogada, dende a residencia portuguesa non deixou de levar a cabo puntuais incursións no aquén da fronteira, que non facían máis ca sumar recursos ó seu erario persoal.

Antigo cárcere de Celanova, no que Venancio enganou ó director da prisión.
Antigo cárcere de Celanova, no que Venancio enganou ó director da prisión.

Iso, ata que o tesón do garda civil Primitivo Romero, logrou o resultado longamente devecido, é dicir, a súa detención en Braga.

Do éxito policial dá conta tamén “El Eco de Orense”, en xullo de 1886. “Procedente de una famosa gavilla de malhechores capitaneada por Juan Pérez (a) Pulita, se refugió hace algunos años Venancio Rodríguez (a) o das Pitas”, que ha sido capturado y actualmente se encuentra preso en Braga”, de onde foi trasladado a Ourense cunha estadía ocasional no cárcere de Celanova, onde tivo lugar un episodio que acabou, popularizado primeiro e logo recollido nas páxinas da revista Nós en 1934, onde se conta da audacia de Venancio para enganar ó director do penal prometéndolle o reparto dun botín do cura de Mourillós se o deixaba saír unha noite para ilo roubar, que deu como resultado a súa fuxida e o encarceramento do funcionario.

Ingresado no penal ourensán en novembro do 86, logra ser absolto e desaparece -dis que para América, vía Portugal- para reaparecer o 13 de decembro de 1907 nunha pousada de Frieira, onde pide habitación e manda organizar unha cea para tódolos residentes, cos que comeza a falar “sobre los robos audaces cometidos durante un tiempo en la provincia de Orense”, denantes de lles preguntar finalmente: “¿Conocen ustedes a Venancio de las Pitas? ¿Saben ustedes donde está?”.

Contenido patrocinado

stats