Estraños nun coche

O cineasta bilbaíno Alex de la Iglesia, co soporte da produtora Pokeespie Films, estase a converter nun dos cineastas españois máis prolíficos dos últimos anos. En pouco menos dun lustro, dirixiu as dúas tempadas da serie de HBO, 30 monedas, a gozable Veneciafrenia (2021), e chega agora as salas con El cuarto pasajero.

A súa última longametraxe é unha comedia surrealista “on the road”, onde catro personaxes comparten a mesma baixada –ou subida, como prefirades– nun BlaBlaCar desde País Vasco ata Madrid. Julián, interpretado por Alberto San Juan, é o condutor. Divorciado con 50 anos e con problemas económicos, está namorado ao límite da obsesión da súa compañeira de viaxe, Lorena (Blanca Suárez), de vinte anos menos, coa cal compartiu durante varios meses o mesmo traxecto. O día no que Julián quere sincerarse con ela, uns inesperados pasaxeiros -o guapiño Sergio (Rubén Cortada) e o pesado Rodrigo (Ernesto Alterio)- acaban por cambiar o rumbo dos acontecementos.

Quen probou algunha vez a experiencia dun BlaBlaCar sabe perfectamente que é unha vivencia fora do ordinario. As cantidades de situacións absurdas e cómicas que xera o feito de xuntar descoñecidos nun coche durante longos traxectos é indubidable. Alex de la Iglesia claramente xoga con esa evidencia, aínda que non é a primeira vez que o BlaBlaCar se converte no pretexto para unha película, como demostrou tamén a recente Con quién viajas (2021) de Martín Cuervo. Con respecto as outras producións que levan a mesma premisa, El cuarto pasajero é unha comedia baseada sobre todo nos diálogos e no ritmo, e apóiase case completamente nos seus actores. Dos catro ocupantes, o que destaca mais é o de Rodrigo. Ernesto Alterio regálanos o papel dun pesado moi logrado, sacándonos máis dun sorriso. Os demais protagonistas son correctos e móvense bastante arredor dos gags cómicos provocados por el. A historia de amor entre Julián e Lorena quizais é o punto máis débil e máis cuestionable. A pesar ter un peso importante na historia, ao final resulta ser a anécdota menos interesante da viaxe.

No seu conxunto, El cuarto pasajero é unha comedia bastante clásica e cun final pirotécnico onde a acción e o humor xúntanse en pleno estilo de la Iglesia. Pero estamos moi lonxe do imperfecto, aínda que moito máis estimulante, experimento slasher de Veneciafrenia. Ese giallo á Dario Argento que non se tomaba demasiado en serio estaba noutro nivel. En comparación, El cuarto pasajero resulta ser unha comedia bastante inocente que viaxa máis nas coordinadas do remake Perfectos desconocidos (2017) que doutras das producións máis vándalas do cineasta. Tamén por isto, e grazas ao apoio mediático de Mediaset, El cuarto pasajero chegará a un público moito mais amplo. E ten todas as posibilidades de converterse, no bo e o malo, nun dos mellores éxitos españois neste 2022.

Te puede interesar