¡Buone visioni!

Un gatillazo á española


Nestes últimos anos, os temas de intercambio de parella e de poliamor están a ser bastante explotados no cine dando lugar a diferentes produtos audiovisuais, filmes, series, videoclips e incluso documentais. No mellor dos casos atopámonos con miniseries logradas como Swingtown (2008) ou Wanderlust (2018) ou con dramedias como a danesa Swinger (2016) de Mikkel Munch-Fals.

Con todo o interese que hai por parte dos creadores de cara a estes temas, na gran maioría, os resultados acaban sendo decepcionantes. Aínda hai algúns títulos que merece a pena mencionar. Sobre todo no ámbito da comedia. El juego de las llaves de Vicente Villanueva estreouse masivamente nos cines hai unha semana e, desafortunadamente, pode considerase un dos peores.

O filme é un remake español dunha serie mexicana que se pode ver en Amazon Prime e que, sen ir máis aló da primeira tempada, tiña certa graza e sentido do humor dentro dos produtos de puro entretemento. Na serie, un encontro casual entre Adriana e Sergio, ex compañeiros de instituto, e a xuntanza doutras dúas parellas de amigos, marcaba o inicio do xogo das chaves. As parellas intercambiábanse durante os 10 episodios, xerando, entre o azar e o desexo, novas combinacións sexuais e afectivas.

Na versión española cambian os nomes e as localizacións-está ambientada en Valencia. A trama segue a ser a mesma e a realización é aínda máis grosa. Neste filme, os 10 primeiros capítulos da serie acaban resumidos nun guion recortado por unha motoserra.

Os personaxes son unhas caricaturas dos xa estereotipados protagonistas da orixinal. Ademais, os diálogos son tan “panolis” e as situacións tan pouco cribles que chegas a sentir pena polo reparto artístico. A actriz Miren Ibarguren é a única que, a pesar das condicións, consegue dar “vidiña” á súa personaxe. De feito, nos poucos momentos que arrincan un sorriso, está presente ela.

Por suposto, nun filme sobre o mundo swinger que vai de estereotipo en cliché, non podía faltar o momento orxía con máscaras ao Eyes Wide Shut. Pero, nesta película, a secuencia toma a aparencia dun entroido cheo de complementos de bazar chino. O porno de Erika Lust está feito con moito máis agarimo, profesionalidade e credibilidade. Mesmo os filmes de Mariano Ozores e as comedias picantes protagonizadas por Álvaro Vitali ou Barbara Bouchet, teñen moita máis graza.

Por último,  cabe sinalar que tamén aparecen Mikel Erentxun, en camisa de veludo vermella con brillantes, tocando No puedo evitar (pensar en ti) nun falsísimo directo e unha das presentadoras do programa First Dates na súa salsa.

As experiencias sexuais poden retratarse de mil formas no cine, e a comedia é unha delas, pero pagar a entrada para ver El juego de las llaves é, sen dúbida, un acto sadomasoquista. Aínda que, despois dunha inflada promoción, seguro que moitos acabarán deixándose caer polo alxube.

Te puede interesar