CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

A gran dama das telenovelas venezolanas é de Ramirás

Marina Baura no cine principal.jpg_web
photo_camera Cando aínda se chamaba Julia, antes de viaxar a Venezuela, diante da carteleira do Cine Principal de Celanova.
Hoxe, día 1, cumprirá 80 anos nun ambiente familiar, onde que se recluiu en 1984. Coñecida como Marina Baura, en realidade é Julia Pérez, unha nena de Vilameá (Ramirás) que chegou a ser considerada a emperatriz e gran dama da televisión venezolana

O pasado día 6 do pasado mes de setembro, o xornalista, actor e productor televisivo venezolano, Luis Olavarrieta, publicou nas redes sociais unha entrevista que devolveu do anonimato no que levaba décadas sumerxida, á actriz Marina Baura.

Perante a inminencia da celebración da súa chegada ás oito décadas (cousa que festexará hoxe mesmo, día 1 de novembro), o xornalista e unha Marina Baura elegantemente esquiva para moitas cuestións de carácter persoal que o xornalista lle ía preguntando, fan un percorrido pola traxectoria vital de quen, entre mediados dos anos 60 e mediados dos anos 80 viviu dende o estrelato a eclosión das telenovelas venezolanas, razón pola cal chegou a ser considerada a "gran dama" -ou "emperatriz"- da emerxente televisión latinoamericana.

Cunha "mirada punzante y una voz profunda" que lle deron dende as primeiras incursións unha personalidade propia e un carisma inconfundible, detrás desa Marina Baura que chegou a ser considerada "un capítulo imprescindible en la historia dramática de la televisión nacional", atopábase unha extrovertida moza de nome de pila Julia e de apelido Pérez, que un día calquera do ano 1956, cando contaba tan só 15 anos de idade, o destino a levou na compaña de seus pais e do seu irmán á que naquel tempo era considerado pola emigración galega, a terra prometida e o lugar de oportunidades que unha Galicia ancorada nos anos álxidos do franquismo, lle negaban.

Nacida no lugar de Vilameá -termo municipal de Ramirás-, cando Julia Pérez pasou a ser coñecida como Marina Baura (o seu pai chamábase Benito e a súa nai Aúrea ou Aura -declara nunha entrevista- e de aí xurdiu o apelido artístico), nunca negou as súas orixes ourensás e así consta en tódalas aproximacións biográficas que se poden consultar na rede.

Os seus primeiros pasos artísticos comezounos como modelo, á par que se matriculou en interpretación, o que lle deu a oportunidade de iniciarse na publicidade e de converterse na icónica imaxe da xa desaparecida ceervexa Caracas.

Seis anos había consumir neses primeiros intentos, portando aínda o nome de Julia Pérez, ata que é seleccionada para participar na película "Cuentos para mayores", cando o cineasta Roman Chalbaud lle recomenda a selección dun nome máis sonoro.

Pero a gran oportunidade da súa vida e a máis valorada por ela mesma, chegoulle coa protagonización da telenovela "Lucecita" en Venevisiíon, no ano 1967.

A popularidade de Marina Baura crece entón dun xeito exponencial. Elixida protagonista de máis dunha vintena de telenovelas que fan dela probablemente o rostro máis popular da televisión venezona é erixida na actriz mellor pagada do país, cun caché que no ano 1975 alcanza os 4.600 dólares e chega no ano 1982 ós 8.000, coa súa interpretación de "Doña Bárbara", a novela máis internacional da literatura venezolana, escrita polo que fora presidente do país, Rómulo Gallegos.

Para o recordo dos seus fans e negación súa quedan na memoria dos venezolanos os seus doos interpretativos coa outra gran dama das telenovelas venezolanas, Doris Wells e, sobre todo, coa internacional diva mexicana, María Félix.

Curiosamente, cando a súa carreira estaba no cumio da fama (a televisión en color estreouse en Venezuela con "Doña Bárbara") e sen dar moitas explicacións, decide dar un paso atrás e abandonar os focos mediáticos, para aparecer, soamente de forma ocasional, no ano 1990 co fin de apoiar o lanzamento da productora do seu marido "Hernan Pérez Belisario" e realizar alguns traballos moi puntuais no cine e na radio, algún deles coa tamén inolvidable Amparo Rivelles.

Historia dunha fotografía premonitoria que se cadra Marina Baura nin sequera lembra

A casualidade quixo que hai uns anos chegase ás miñas mans (do arquivo familiar dun meu amigo cuxa irmá era amiga de Julia) a fotografía que preside esta crónica e que non deixa de ser premonitoria do camiño cara ó estrellato que ha percorrer a adolescente Julia, ó avanzar nela as ilusións de futuro que xa aniñaban naquela mociña, alumna do colexio Sagrado Corazón de Celanova e filla da coñecida Aurea, a dona dun dos cafés máis populares e céntricos da vila.

Loxicamente a imaxe é da autoría de Xosé Vázquez Arias, o inmortal "Rizo" que tantas fotografías deixou espalladas polos álbums familiares de toda a provincia e nela sae unha fermosa Julia Pérez, probablemente moi pouco tempo antes de partir, sinalando unha escena da película "Las noches de Cabiria" colgada da carteleira do Cine Principal de Celanova e anunciando a súa proxección para o sábado e o domingo.

Galería de imaxes de Marina BAura.jpg_web

Ganadora do Oscar á mellor película estranxeira en 1957, "Las Noches de Cabiria" -recollo de "Filmin"-, foi a última película de denuncia social realizada por Fellini. A protagonista é a súa esposa, Giuletta Masina, que borda "una magnífica y conmovedora interpretación", a dicir da crítica.

A historia conta a vida de María "Cabiria" Ceccarelli (Giuletta Masina), unha prostituta que exerce nun dos barrios más pobres de Roma e que soña con atopar o amor verdadeiro, que a aparte da rúa.

Por fortuna para ela e para todo o seu entorno familiar, a traxectoria vital de Julia Pérez ou Marina Baura non tivo nada que ver co relato cru que recrea Federico Fellini no mencionado film e si coa traxectoria profesional da admirada actriz que o protagonizou, a devandita Giuletta Masina, con quen compartiu casualmente tamén nome de pía, non en van o auténtico ó que respondía a actriz italiana era Giulia Anna Masina.

Como curiosidade final é de destacar que a familia Sousa, propietaria do Cine Principal celanovés, que pechou as portas a finais dos anos 60, tamén acabou recalando en Venezuela e que Marina Baura non volveu visitar os espazos vitais de Julia Pérez a non ser de forma completamente anónima

Te puede interesar