A Guerra Civil en 90 metros cadrados

Procesión da virxe da Encarnación, custodiada polos soldados da despiadada “Bandeira da Falange de Marruecos”.
photo_camera Procesión da virxe da Encarnación, custodiada polos soldados da despiadada “Bandeira da Falange de Marruecos”.
Que “os anos da guerra” provocaron un terremoto social do que aínda non nos demos recuperado, é unha evidencia que ten soporte en millóns de dramas e traxedias. No cemiterio de Celanova concéntranse tres en tan só 90 metros cadrados

O proceso de exhumación de sete presos fusilados en 1939 no cemiterio de San Verísimo, tenme constatado que a historia é caprichosa á hora de encarnar, en detalles case insignificantes, grandes símbolos. Aberto o foxo e rexistrada a presenza dos restos óseos a carón da campa dun neno falanxista que morreu na fronte ós 15 anos, de súpeto decateime de que, a xeito de silente testemuña, preside o lugar o túmulo doutro preso asturiano que, no seu caso, casou e converteu Celanova no seu proxecto de vida.

Nove historias de vida e morte resumidas en tres actos foron as que se me xuntaron en contexto cando me acheguei ó cemiterio da miña vila para ver de preto os traballos de exhumación que está levando a cabo un equipo de arqueólogos no xardín do camposanto.

 A primeira -e quen sabe se consecuencia da segunda- aconteceu o 6 de maio de 1938 na alonxada e medieval Morella (Castellón), por onde andaba daquela o xeneral Aranda entre a fronte levantina e o Ebro e a onde foi destinado como voluntario “el flecha orensano Antonio López Blanco”, fillo da mestra Mercedes Blanco e do secretario do xulgado, Isauro López, “un niño de 15 años -di a prensa-, que, enfervorizado, había sabido poner siempre, junto a los camaradas que tanto quería, el entusiasmo de su idea grande y el orgullo legítimo de su camisa azul”.

De pouco lle valería, sen embargo, tanto entusiasmo, xa que logo -a lenda di que ó día seguinte-, unha bala perdida acabou de súpeto coa vida dese neno cuxa presenza na fronte só se explica no contexto da fanática cegueira que transcende dunha carta que Mercedes Blanco lle escribe a Franco e na que di: “Una humilde madre española y gallega se postra a vuestros pies para hacer personal profesión de admiración hacia vos y al mismo tiempo expresaros el orgullo que siento porque el pedestal de la nueva España quede amasado con la sangre preciosa de mi hijo, muerto heroica y santamente en el frente de Castellón”.

Un fanatismo no que seguramente asentou a razón de ser da execución, aquel 22 de setembro de 1939, por parte da sanguinaria “Bandeira de Marruecos”, dos asturianos Marcelino Fernández, Belarmino Álvarez, Guillermo de Diego, Mariano Blanco, Abelardo Suárez e Baldomero Vigil, e do salmantino Alfonso Moreno Gayol, así como o feito macabro de mandalos soterrar xusto a carón do panteón do “neno falanxista”.

Un fanatismo que arrepía cando se lle dá lectura a documentos coma o asinado por Flora González tres días despois do fusilamento, no que declara recibir “una camisa, un calzoncillo, dos pañuelos, un par de calcetines y un anillo” de Belarmino Álvarez, ou que en 1944 obrígalle a escribir a Oliva Gutierrez, algo así como “espero que su digna bondad se sirva remitírmelo para acogerme a los beneficios de la generosidad del caudillo”, cando solicita un certificado de defunción do seu home, Marcelino Fernández, para conseguir unha pensión pola que loitaría e non cobraría ata os anos 80.

E un fanatismo, en fin, que disfrazado de pretencioso administrativismo trascende do oficio que o día 21 lle traslada o comandante da Bandeira, Fernández Cuesta, ó tenente-xuíz José Bernabé Gijón “designando al teniente Francisco Hernández Recio para jefe del pelotón de ejecución, señalando para el lugar de la ejecución las tapias del cementerio de esta villa”; ou no que o mesmo día 22, o tenente Bernabé Gijón, lle presenta ó director da prisión para que “a las tres horas de la madrugada haga entrega al teniente Hernández Recio” dos sete presos “para la ejecución de la sentencia”.

O silente testemuño de Teodomiro Riestra e a “amputada perna de Alonso Quijano”

Coa exhumación dos restos atopados son innumerables as incógnitas que se abren, non só arredor das sete persoas baldiamente fusiladas aquel 22 de setembro (a guerra rematara había cinco meses e o desalmado rexemento sería disolto un mes despois de abandonar Celanova), senón arredor -por exemplo- do lugar no que se atopan soterrados os outros  77 falecidos na prisión entre 1938 e 1943, rexistrados por Domingo Rodríguez Teijeiro e na inmensa maioría tamén asturianos.

Incógnitas que, algunhas, estarán agora máis próximas a seren contestadas, mentres que outras quedarán atuadas no camposanto, coma a casual -ou se cadra non- presenza, no entorno, do protagonista do terceiro acto desta breve historia, Teodomiro Riestra, quen estes días “asiste” como silente testemuña ós traballos que perante súa executan os responsables do equipo de investigación.

Igual que os máis de seis mil homes que durante eses fatídicos anos pasaron por Celanova, Teodomiro coñeceu o acedo cheiro “das horas mortas” e o perfume da “liberdade prezada” cando lle concederon unha “condicional” que pasou en Celanova, onde coñeceu a Concha Méndez, coa que casou en febreiro do 42, dedicando o seu tempo a “alegrarlle” a vida ós veciños da bisbarra nunha das máis tradicionais tabernas de festas que había pola revolta.

Ó mesmo tempo, dende a súa integración na sociedade celanovesa non deixou pasar a ocasión para axudar a aqueles que ían sendo excarcerados, denantes de tomar destino cara ó seu fogar.

Así o recolle o asturiano José M. Prieto no libro “La amputada pierna de Alonso Quijano”, no que relata a azarosa vida de Antonio Bermejo, un gijonés da CNT que perdeu unha perna na guerra, acabou en Celanova e fíxose coñecido co alias de “Alonso Quijano”.

Conseguida a liberdade atenuada “el primer encuentro amigo -escribe Prieto- es en el domicilio de Tiolo (así foi coñecida a súa taberna) vecino de El Natahoyo y uno de los presos que se casaron tras su paso por prisión, con una de las chicas de Celanova. Esa noche Antonio pernoctó en su casa”.

Voluntariamente ou non, o caso é que Teodomiro -ou Tiolo- leva 53 anos facendo de contrapeso moral ó escarnio que supuxo para “os sete” teren sido soterrados a carón do “neno falanxista” de Celanova. 

Te puede interesar