¡Buone visioni!

Imaxes íntimas

Na época estival a carteleira do cinema comercial non adoita ofrecer grandes estreas. Nas plataformas dixitais, os títulos máis significativos están programados para a volta das vacacións. Á sú vez, o verán é unha boa época para volver aos clásicos ou para ver boas series que, por falta de tempo, perdéronse no catálogo das estreas durante os primeiros meses do ano.

Hai 3 series que recomendo recuperar nestas datas. Teñen algo en común: son ficcións dunha soa tempada e o argumento vira arredor da difusión de imaxes íntimas de contido sexual sen consentimento da persoa.

A primeira é a española Intimidad, creada por Laura Sarmiento e Verónica Fernández. Está protagonizada por Emma Suárez, Itziar Ituño, Verónica Echegui e Miguel Garcés. A serie, estreada en Netflix, comeza coa difusión dun vídeo sexual da vicealcaldesa de Bilbao. A partir de aí, o conto da vida de catro mulleres crúzanse baixo as mesmas circunstancias. Intimidad é unha serie que, a pesar dalgunhas voltas de guión e un final apresurado, trata con seriedade o tema da difusión de imaxes íntimas na rede e a culpabilidade das vítimas. Tamén é unha serie que por primeira vez ofrece un punto de vista masculino diferente, non maniqueo, ben representado polo marido da alcaldesa. É unha das series españolas do ano. Soamente polo debate que pode xerar na nosa sociedade, Intimidad debería ser un visionado obrigatorio.

Outra miniserie que trata sobre a difusión pública de imaxes sexuais privadas, pero baixo o enfoque do thriller, é a bélxica Dos veranos, estreada no mes de xuño en Netflix. Dos veranos fala sobre un grupo de amigos que se reúne trinta anos despois nunha illa propiedade dun deles. Unhas relaxantes vacacións convírtense nun pesadelo cando algúns dos amigos son chantaxeados con imaxes dunha violación grupal, na cal participaron tres décadas antes. Dos veranos é unha miniserie coral, cun guión bastante sólido e cunhass personaxes moi ben perfiladas. Como previsible, o retrato humano que emerxe nestas vacacións entre amigos e amigas, irá resultando, bastante desolador.

Pam & Tommy, creada por Robert D. Siegel e dirixida por Craig Gillespie, estreouse no mes de febreiro en Disney+. Narra a historia dun dos máis coñecidos escándalos sexuais dos últimos 40 anos, probablemente o primeiro caso de “sexting” da historia. A actriz Pamela Anderson e o batería de Mötley Crüe, Tommy Lee, casáronse en 1995 despois de coñecerse, 96 horas despois. O escándalo estalou cando o vídeo privado da viaxe de voda da parella mantendo relacións sexuais, saíu á luz a través da rede. Pam & Tommy dura 8 capítulos, explora cada un dos puntos de vistas dos personaxes –todos caracterizados magnificamente –e somerxe ó espectador nos noventa cun gran coidado dos detalles, rozando a perfección. O salto de punto de vista obriga ó espectador a empatizar co acontecido e ir reflexionando sobre a sociedade machista e a construción dunha narrativa distorsionada. A máis prexudicada – a serie déixao claro - é Pamela Anderson. Cabe destacar que aínda que Pam & Tommy ten boas intencións, e intenta ensinar con claridade o acontecido, a actriz de Los vigilantes de la playa distanciouse do proxecto e firmou un contrato con Netflix para un documental que sairá á luz o próximo ano. Estaremos pendentes desta nova entrega. Mentres, aproveitando o verán e as vacacións, podemos recuperar unha das mellores series estreadas este ano. E incluír, como alegación, a notable El hombre más odiado de internet - docuserie estreada a semana pasada en Netflix - sobre o inventor do “revenge porn”. Todas tratan con creces, e baixo diferentes enfoques, o tema moi actual da difusión de imaxes sexuais sen consentimento da persoa.

Te puede interesar