A empresa galega Fink-Orfebres é a responsable da colección de 56 atractivos e orixinais deseños

Os irmáns Bolechas e Chispa xa teñen as súas propias xoias

Algunha das pezas que forman parte da colección de xoias dos Bolechas.
Os seis irmáns Bolechas mais o seu cadelo, Chispa, xa contan cunha liña de xoiaría propia destinada aos máis pequenos. Onte foi presentada no Hotel Monumento San Francisco de Santiago polos seus artífices, a editorial Bolanda e a empresa Fink-Orfebres, xunto co creador dos populares personaxes infantís, Pepe Carreiro.
A colección 'fusiona a cultura raíz da serie de maior éxito da literatura infantil galega coa centenaria tradición ourive de terras de Compostelá', tal como explicaron onte na presentación. Está composta por 56 deseños diferentes entre aneis, pendentes, colgantes e pulseiras. Sacar adiante este proxecto foi posible grazas á colaboración entre dúas empresas 'firmemente convencidas de que o emprendemento e a cultura non só son imprescindibles para a supervivencia dunha economía e dunha sociedade senón que poden ser rendibles, algo que ultimamente semella esquecerse con demasiada frecuencia dende as administracións' subliñaron onte desde a empresa editora.

'Cómpre destacar ademais, que se trata dun produto de aquí, feito aquí por xente de aquí, porque estamos convencidos de que seremos un mellor país, e seremos máis universais e competitivos, cando verdadeiramente aprendamos a valorar o noso', asegurou a responsable de Comunicación de Bolanda.


NOVA IMAXE

O creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, asegurou estar encantado co traballo, xa que os ourives 'lograron reflectir as cores identificativas de cada personaxe', algo moi difícil nun traballo artesanal e máis aínda no caso de 'pequenos detalles como o pelo das xemelgas, que só se diferencia nun tono e está perfectamente representado nas xoias'. Carreiro explicou tamén que se creou unha nova imaxe dos personaxes 'moito máis elegantes, como require a ocasión'.

Pola súa banda a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, destacou no acto de presentación o gran traballo realizado pola firma da xoiaría, que coñece 'desde que chegou á Fundación' e que, asegura, realizan un traballo excepcional. Fabeiro mostrou o total apoio da Consellería de Economía e Industria, á que representaba no acto, ás empresas promotoras deste proxecto para que sexa un éxito.

As xoias dos irmáns Bolechas contan co certificado de garantía de Galicia Calidade ?cuxo xerente, Alfonso Cabaleiro, estivo presente no acto de onte-. O selo é un aval máis ao esforzo desenvolvido nos últimos meses por Bolanda Edicións e Marketing e por Fink-orfebres, a firma encargada da elaboración das novas pezas. Esta empresa, que remonta as súas orixes aos mestres ourives de gran tradición en Santiago, adícase ao deseño, fabricación e comercialización de xoiaría de prata.

Te puede interesar
Más en Sociedad