Iván Mariñas, na cociña do novo “Estache bo!”

O cociñeiro Iván Mariñas, no plató do programa de La Región TV.
photo_camera O cociñeiro Iván Mariñas, no plató do programa de La Región TV.
O exconcursante e finalista de “Masterchef” é a principal novidade do programa da TVG

O programa “Estache Bo!” arrinca mañá luns unha nova andaina na Televisión de Galicia cun importante cambio nos fogóns. O cociñeiro coruñés Iván Mariñas toma o relevo e tratará de achegar  aos espectadores do programa de La Region TV a súa paixón pola cociña.

Iván Mariñas deuse a coñecer na oitava edición doutro programa televisivo de éxito “Masterchef”. Iván é adestrador persoal, vive en Ourense e dende entón compaxina as súas paixóns, o entrenamento físico e a cociña, con diferentes contidos en varias plataformas.

Iván foi participante de “MasterChef 8”, a edición na que gañou Ana Iglesias, e alcanzou a final a tres daquela tempada marcada polo confinamento. Tralo seu paso polo programa, aseguraba que tiña en mente “intentar fusionar a miña faceta de adestrador persoal coa gastronomía. Hai unha constante en todas as dietas, nas que parece que só se pode comer palla, cando tamén se pode comer ben. O meu obxectivo é darlle valor a ese tipo de intervencións nutricionais nas que se pode comer rico e ben, sen deixar de lado a saúde”. Mariñas confesa ademais que “comer ben é a mellor inversión que se pode facer por un mesmo”, e nesta a súa nova andaina na televisión non lle faltarán produtos de calidade recollidos nas hortas, lonxas e granxas galegas para elaborar as mellores receitas para toda a familia.

Iván non estará só no programa. Rafa Durán, o reporteiro recadeiro que percorre Galicia, e a veciña  Isa Villanueva, seguirán nesta nova tempada no plató do programa de La Región, en Ourense, así como na súa cita cos telespectadores da Televisión de Galicia.

Te puede interesar