Ménage a catro

No ano 2004, Lenny Abrahamson sorprendeu coa ópera prima Adam & Paul, unha traxicomedia que conta coas sólidas interpretacións de Mark O’Halloran e Tom Murphy, que contaba as últimas horas de dous politoxicómanos na desesperada busca dun pico nos barrios de Dublín. Con Garage (2007), Frank (2014) e, sobre todo, coa desgarradora La habitación (2015), Abrahamson deuse a coñecer máis aló dos confíns de Irlanda, transformándose nun dos directores punteiros do panorama europeo. No 2020 demostrou a súa versatilidade como director coa serie Normal People, codirixida xunto a Hettie McDonald. Conversaciones entre amigos (2022), estreada recentemente en HBO Max, intenta repetir, case, a mesma fórmula exitosa da miniserie anterior.

Neste novo formato de 12 capítulos, dúas bohemias estudantes universitarias, Frances (Alison Oliver) e Bobbi (Sasha Lane), unhas amigas cun carácter moi oposto, e que foron parella anteriormente, crúzanse cun matrimonio de artistas arredor dos corenta anos interpretado por Jemina Kirke e Joe Alwyn. A atracción entre os catro vai in crescendo e lévanos a formar un complexo ménage a catro.

Ao igual que en Normal People, Conversaciones entre amigos adapta unha obra da escritora Sally Rooney. Conserva a mesma mirada cara ao universo millenial, pero esta vez ábrese a unha confrontación coa xeración X. A estética segue parámetros recoñecibles virando cara un estilo máis sobrio. Abrahamson, xunto coa directora Leanne Welham, comunica as emocións a través dunha narración bastante espida e naturalista, que se expresa antes de todo coa comunicación non verbal. O que conta nesta serie é a intimidade dos seus protagonistas-sobre todo de Frances–e os intérpretes conseguen transmitir magnificamente todas os matices do seu universo emocional. Son frecuentes os momentos nos que o espectador pode sentirse identificado nesta serie, ou empatizar con algunhas das situacións propostas: as longas esperas diante dun móbil que non dá sinais de vida, as miradas furtivas, as festas, os mails escritos coma se non houbese un mañá e borrados xusto antes de envialos... Conversaciones entre amigos documenta sen artificios as irrupcións do amor e da súa frustración posterior na cotidianeidade, con todos aqueles elementos que constrúen os altibaixos dunha relación borrosa e que, en xeral, garanten o éxito nas series de televisión, mesmo nas telenovelas máis convencionais.

Con respecto aos argumentos tradados, a miniserie, ademais de tocar o tema interxeracional, abre o seu discurso ás relacións poliamorosas sen moralismos. Tamén hai que destacar que as escenas de sexo están relatadas cunha extrema e inusual naturalidade. 3 capítulos de Conversaciones entre amigos xa están dispoñibles en HBO Max, pero haberá que agardar ós seguintes para descubrir a verdadeira evolución desta historia. Sobre todo para averiguar se conseguirá manter a mesma tensión e coherencia visual. De momento, é unha produción que está a cumprir coas expectativas.

Te puede interesar