A exposición pretende difundir a obra do autor ao que se dedicou o Día das Letras Galegas 2013

Unha mostra itinerante sobre Vidal Bolaño percorre Galicia

Belén Quintáns, viuda do dramaturgo, Anxo Lorenzo y Valentín García. (Foto: O. CORRAL)
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño percorrerá dende este venres ata o mes de decembro as catro provincias galegas a través dunha exposición itinerante desenvolvida pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.
A través de dez paneis, a mostra ofrece unha panorámica da extensa obra do dramaturgo mediante textos e imaxes dos seus espectáculos, dos seus personaxes e das súas obras. Trátase, polo tanto, dun percorrido pola vida e obra de Vidal Bolaño así como á historia do teatro profesional de Galicia.

A mostra estará ata o día 1 de xullo na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, onde foi inaugurada onte por os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, acompañados pola responsable da mostra Belén Quintáns.

Durante o acto, ambos os dous representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destacaron a figura de Roberto Vidal Bolaño como un referente indiscutible no ámbito teatral de Galicia.

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, 'a exposición é de doado acceso e cun enfoque de achegamento visual a Vidal Bolaño para mostralo como un home que viviu intensamente o teatro dunha forma integral'.


PROGRAMACIÓN TEATRAL

'É o noso compromiso ofrecer unha presenza importante este ano de Roberto Vidal Bolaño, de aí a aposta pola ampla programación teatral por toda Galicia a través das producións e as coproducións do Centro Dramático Galego; os ciclos audiovisuais que afondan sobre a súa obra; o labor nos centros educativos e esta mostra itinerante que hoxe inicia o seu percorrido por toda Galicia', asegurou Anxo Lorenzo.

Pola súa banda, Valentín García destacou a 'figura singular de Vidal Bolaño, dramaturgo de excepción, galego por excelencia e un dos autores teatrais europeos máis destacados do último cuarto do século XX' que 'contribuíu á consolidación do teatro galego'.

Te puede interesar
Más en Sociedad