O SON DO PIÑEIRO

Novos tempos

Durante tantas semanas de confinamento son moitos os artistas que levan pasado a través de “skype” polo meu programa da Radio Galega. Foron moitas as conversas por diante e por detrás do micro, aínda que seguramente as máis interesantes son estas últimas, onde cada quen manifesta o desacougo co que están afrontando o momento que nos toca vivir. Porque detrás da xenerosidade artística e o afán por sacarnos un sorriso no medio de tanta “negra sombra”, está a preocupación polo presente e o futuro inmediato dunha profesión que, como moitas outras, tamén precisa que a mimen e a apoien. Todos somos conscientes das innumerables frontes nas que os governos terán que combater ao longo dos seus mandatos, e moito me temo que pasarán noites sen durmir se realmente lles preocupa a saúde física, mental e económica da súa “grei”; como a de todos estes altruistas que saían diariamente a terrazas, balcóns ou ás pantallas da rede de redes, para animarnos gratuitamente a base de música, danza, interpretación, humor, poesía, arte, e todo o que a un “titiriteiro” se lle poida ocorrer; e que hoxe precisan que se lles escoite e se lles axude a sair do burato onde, se ninguén o remedia, seguirán confinados. Porque todos sabemos que eles e elas van ser dos últimos en ver algo de luz ao final do túnel. As verbenas e festas, que sustentan a milleiros de feirantes, tomboleiros, hosteleiros, pirotécnicos, publicistas, axencias de contratación, e por suposto músicos de toda clase e condición, van quedar únicamente no recordo do pasado inmediato e, como tamén é o caso de moitos curas párrocos, “para vestir santos”. Neste noso País, ademais de moitos xóvenes músicos que actúan por amor a arte co afán de ir medrando profesionalmente e coñecer diferentes lugares de dentro e fóra das nosas fronteiras, como fan moitos compoñentes de bandas de música, grupos folclóricos, rondallas, coros, etc, hai outra inmensa maioría que viven durante gran parte do ano do gañado nos meses de verán, cousa que este ano vai ser materialmente imposible. 

Os afectados saben perfectamente da situación e de que os milagres non existen; pero ben é certo que, aínda tendo en conta que as administracións públicas non son sacos sen fondo, confían en que os axuden en todo o que poidan, para que concertos e espectáculos que cumpran co legalmente permitido polas autoridades sanitarias se celebren e se apoien ao máximo; pero tamén é preciso que á parte do que as mermadas arcas municipais, autonómicas ou estatais poidan aportar, fará falta un labor importante de concienciación colectiva para que nós, os cidadáns, respondamos na medida das nosas posibilidades á hora de pasar por “taquilla”, esquecendo iso que hai décadas se puxera de moda, cando nos maleducaron e parecía que a cultura e a diversión tiñan que ser sempre “polo morro”.

Agardemos que o “bicho” nos deixe ir pouco a pouco abrindo portas da esperanza nestes próximos meses, e poder celebrar todo o que se poida o próximo Xacobeo, porque será un excelente momento para apostar máis que nunca polo noso. Seguramente non poidamos encher o Monte do Gozo nin grandes lameiros con escenario ao fondo; pero poderemos, nós e os que veñan visitarnos, encher outros recintos máis axeitados ao momento, para gozar, aplaudir e darlle pulo a tanto excelente artista, de múltiples disciplinas, que temos na nosa Terra.

Te puede interesar
Más en Sociedad