Sociedad

O Celta nas Maldivas

Sociedad

Sociedad - Fútbol

O Celta nas Maldivas

Os representantes do Celta cos das Maldivas.
photo_cameraOs representantes do Celta cos das Maldivas.
Ogallá que ese luz das Maldivas ilumine de novo a mente dos Aspas e compañía para devolverlle o sorriso a tanto Celtista desesperado ao que se lle está atragoando este outono de “negra sombra”

Cando a miña querida Doña Hermitas entraba como un furacán na Sesión Vermú da Radio Galega sempre me dicía que ela non viaxaba co seu Claudino a ningunha parte que non tivera un Corte Inglés a menos de 500 metros. Seguro que esaxeraba esta embaixadora plenipotenciaria de Parada de Sil, pero deixaba claro que a maioría dos paraísos vacacionais non ían con ela. 

Isto ven a conto lendo o titular xornalístico do pasado martes onde dí que “As Maldivas traen sol ao Celta”; agora mesmo ao Celta faille falta algo máis que sol, é preciso que recupere a ilusión e que o novo adestrador Oscar García aporte todo o demáis, sexa o estilo Barça, ou sexa o que mellor vexa, pero que sexa.

Confeso vergoñento que o primeiro que fixen ao ver o titular do novo patrocinador do Celta foi ir a internet para situar eses 26 atolóns que compoñen as paradisíacas illas que o equipo celeste patrocinará durante tres anos. Ao parecer son máis de 30.000 os españois que as visitan cada ano.

Vendo as fotos dos palafitos de luxo ou das idílicas praias dan ganas de aforrar e, en canto se poida, coller un avión para vivir uns días de encanto. Pero xusto despois desta primeira arroutada, e de reflexionar sobre o asunto, a algúns saenos a vea urbanita e pasa como co da Toscana ou Islandia, que van ter que quedar para mellor ocasión ou para seren visitadas virtualmente.

Sí, confeso que eu comulgo un pouco con Doña Hermitas e que preciso algo de ruído para espertar, poñerme en danza e almorzar nalgunha terraza lendo os xornais. Conto cos dedos das mans as veces que  teño tomado o “pequeno almoço” na casa de Portugal, por moito que sexa idílico gozar dun café co ruido dos paxaros e as olas do Atlántico como banda sonora. Sei que máis dun curcificarame por dicir estas cousas, pero eu prefiro ducharme rápidamente, vestirme como é debido e ir sentar á praza de Caminha para devorar os bolos de arroz que pido co café mentres leo todo o que cae nas miñas mans, sexa en español, galego ou portugués, saudando a todo canto veciño pasa por alí, que despois de tantos anos convivindo con eles xa son como da familia. Ese ritual vacacional ou de fin de semana pode levarme hora e media, xusto antes de ir a froitaría que está ao ladiño da praza, atendida por unhas mulleres marabillosas que saben de sobra que “gosto do melâo muito doce e maduro”

O único inconvinte do País veciño, inconvinte grande para os deste lado da raia, é que ás oito da tarde é como se botaran unha bomba de neutróns que acabara coa poboación. Nesa hora na que nós acostumamos a chiquitear ou tapear, os portugueses reclúense na casa deixando as rúas e prazas cunha sensación de soedade realmente terrible. Non son poucos os días de verán que hai que coller o ferry “Santa Rita de Cassia” para ir tomar as cañas á Guarda ou a Baiona.

Por iso é que as Maldivas van ter que sobrevivir sen os que son coma min, que valorando, e moito, as súas paraxes e seguramente a súa acollida, preferimos deixalas para os que buscan paz e sosego. En calquera caso, ogallá que ese luz das Maldivas ilumine de novo a mente dos Aspas e compañía para devolverlle o sorriso a tanto Celtista desesperado ao que se lle está atragoando este outono de “negra sombra”.