O Pinocho de Guillermo del Toro

0 Guillermo del Toro confírmase un mestre fabulador con esta nova versión/revisión para Netflix do clásico literario de Carlo Collodi, As aventuras de Pinocho, publicado no 1883 nunha Italia recentemente unificada. O texto adaptouse xa en máis de 17 películas, dende a versión muda do 1911 pasando pola versión de Disney do 1940. Xusto hai dous anos tivo un remake por man do director de Gomorra, Matteo Garrone, unha obra mestra do grotesco protagonizada por Roberto Benigni e Federico Ielapi. E neste 2022, estreouse outra adaptación máis de Disney, oportunista e alimenticia, dirixida Zemeckys. De todas estas últimas adaptacións, a animación stop motion de Del Toro é a mellor con creces ademais de ser a grande sorpresa cinematográfica nesta recta final do ano.

O cineasta mexicano, xunto con Mark Gustafson, crea unha obra inspirada en Pinocho, pero non propiamente fiel á narración orixinal. Permítese moitas liberdades. Ambienta a historia na Italia fascista durante a década de 1930, elimina boa parte dos personaxes secundarios –harmonizando así a natureza episódica do conto- e, sobre todo, regala un pasado a Geppetto, o pai da marioneta sen fíos. Con todo isto, o filme de Guillermo del Toro, como foi o de Garrone do 2019, mantén o mesmo ton sombrío do relato orixinal, e non deixa de ser un conto algo perturbador. Ten unha calificación de idades para os maiores de 7 anos, pero eu engadiría dous o tres máis.

O Pinocho de Guillermo del Toro aborda unhas reflexións moi profundas sobre a vida e morte, sempre filtrados polos ollos inocentes dun neno. A marioneta sen fíos convértese nun especie de ‘home bicentenario’, o robot creado por Isaac Asimov, un ser capaz de vivir para sempre e condenado a amar eternamente as persoas que eternas non son. Igualmente ten algo en común co neno Meca de A.I. Inteligencia Artificial (2001) de Steven Spielberg –elementos do relato de Collodi entraron no guión orixinal da película-.

Outro tema clave desta historia é a relación paterno filial. Guillermo del Toro céntrase sobre a cuestión da aceptación. Pinocho busca o amor incondicional do seu pai adoptivo, mentres el ten un serio problema de apego. Geppetto, en principio, o percibe case como un estraño. Nos intentos errados do home de convertelo no ‘fillo perfecto’, Pinocho vese obrigado a marchar de casa. Así caerá nas mans dos explotadores Volpe (en español zorro) e Spazzatura (basura, en castelán). A mesma problemática está presente na relación do Podestá co seu fillo, Candlewick, colega de Pinocho. Militar, insensible aos sentimentos do seu fillo, o Podestá está obsesionado por converter a Candlewick no fascista perfecto sen aceptar a verdadeira natureza do neno... No medio cruzámonos con outras consideracións, por exemplo sobre a guerra ou a vida militar ou sobre a explotación da infancia no mundo do espectáculo, sempre sen perder de vista o humor –negro, en moitos casos-.

Pepito Grillo é o narrador oficial desta historia. É un aprendiz novelista que ten a Schopenhauer como referencia. Habita no corazón de Pinocho e intentará proporcionarlle algún consello moral, a maioría das veces, inescoitado.

Se hai que poñerlle unha pega a esta magnifica película sería nas escenas musicáis: non parecen del todo logradas, pero, ao ser breves, tampouco resultan molestas. Pinocho de Guillermo del Toro é unha das películas do ano, unha mágoa que este extraordinario traballo artesán que moveu os seus primeiros pasos alá no 2008, esté dispoñible só en Netflix, e non se poida disfrutar, en familia, como debido, en pantalla grande.

Te puede interesar