Crónicas de agora e sempre

Un poeta prohibido, custodio do corpo de Curros, que lle escribía cartas a Unamuno

Caricatura con dedicatoria, publicada na revista Suevia en febreiro de 1912.
photo_camera Caricatura con dedicatoria, publicada na revista Suevia en febreiro de 1912.

Logo de ter conseguido unha fama inusitada e nada común na época, por tan diversos lugares de Hispanoamérica, no seu rexistro de autor de comedias e actor das súas propias obras, Nan de Allariz volve de novo á terra e curiosamente por un motivo que o había instalar de forma indeleble na historia de Galicia e que non tería nada que ver co éxito do que gozaba naqueles anos.

Tan pronto chega á Habana, ademais de todo canto xa ten sido apuntado, introduciuse a fondo na efervescencia social e cultural do momento. Coñece a Curros Enríquez e con el lánzanse á aventura de promover a Asociación Iniciadora e protectora da Academia Galega, da que é nomeado secretario baixo a presidencia do poeta de Celanova.

A admiración é tal que non hai obra que publique que non teña algunha dedicatoria especial para el, razón pola que, cando Curros morre (marzo de 1908) e deciden trasladar o seu corpo a Galicia, a persoa que custodia o seu cadaleito na viaxe ata a Coruña non é outro ca o “pequeno gran” Nan de Allariz.

Esta viáxe sérvelle para dar a coñecer a súa faceta como autor e actor teatral por Galicia, debutar en Madrid e mesmo para -como no seu momento lle aconteceu ó seu admirado Curros- ser cualificado como autor prohibido polo arcebispo de Santiago, polo poemario “Fume de palla”, ó considerar aquel que “contiene proposiciones impías, blasfemas y hereticales, así como pasajes obscenos y corruptores de las costumbres”. O único que conseguiu o arcebispo coa censura foi que o libro se esgotase inmediatamente.

Dous anos despois, alleo a esta circunstancia e probablemente coa idea de regresar algún día a Madrid, Nan de Allariz volve á Habana e continúa coa súa actividade empresarial tabaqueira e a súa profesión artística, ata que en 1919 dedice asentarse definitivamente na “vila e corte”, onde, xa serodio, atopa a media laranxa e casa con María Rivas en xullo de 1920.

Aínda lle quedaban sete anos de vida nos que Nan seguíu compaxinando a exitosa actividade profesional nas artes escénicas coa publicación de obras de todo tipo, algúnhas das cales decide facerllas chegar a Miguel de Unamuno, se cadra procurando o aval para conseguir con elas unha inmortalidade literaria que si acadou o seu admirado Curros, pero que no seu caso  (como ten acontecido con tantos) paseniño foi caendo esvaída entre as inxustas sombras do silencio.

Te puede interesar