CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O teatro dos soños de Paiva Couceiro

Paiva Couceiro co príncipe asasinado, Filipe Luíz, en Luanda no ano 1907.
photo_camera Paiva Couceiro co príncipe asasinado, Filipe Luíz, en Luanda no ano 1907.
Non era ourensán, pero entre 1910 e 1912 colocou a raia seca no centro de observación da política do país veciño, ó elixir a nosa provincia como o teatro dos soños da restauración monárquica pola que este militar portugués nunca deixou de loitar

Cando naceron estas crónicas, fixérono con vocación unitaria. É dicir, un personaxe, unha historia, unha páxina. Sen embargo, dado que non hai regra sen excepción, despois de ter centrado Ourense como escenario da transición “monarquía-república” que Portugal experimentou en 1910, era imprescindible amosar un someiro perfil dun dos seus principais actores: o enigmático Henrique de Paiva Couceiro, quen dende a nosa provincia loitou máis pola restauración da monarquía có propio rei de Portugal.

A primeira cuestión que cabe dilucidar é por qué a provincia de Ourense e dun xeito moi especial Verín, foron erixidas, naqueles transcendentes momentos da política portuguesa, como escenario do mapa de operacións, encontros e desencontros, fuxidas e detencións de detractores e partidarios do novo réxime, estando tan afastada xeograficamente da capital do país e polo tanto do centro neurálxico das grandes decisións que se dispuñan a definir, sen dúbida, o futuro da sociedade portuguesa.

É moi posible que, tal e como acontece sempre, esta cuestión non obedeza a unha causa só e que circunstancias tales coma que o norte do país -con capital en Oporto- fose berce dunha sociedade máis afecta á monarquía; que Bragança -a casa nutricia dunha das pólas da realeza portuguesa- estivese moi preto da comarca de Monterrei, e que estivese radicada nunha zona especialmente despoboada e montesía (e, polo tanto, moi acaída para que o proceso de restauración monárquica que a alta clase social, o clero e os militares que non aceptaron a chegada traumática da república, comezaron a deseñar de contado dende o exilio), pesasen abondo no feito de que lugares sinxelos pero hospitalarios como o balneario de Cabreiroá ou o Hotel Salgado se convertesen en puntos referenciais ocasionais ou relativamente estables para unha boa parte da resistencia.

A soa presenza dos candidatos a liderar a nova monarquía -os príncipes de Bragança, co primoxénito Miguel á cabeza- arrastrou a un ronsel de aristócratas coma a princesa de Parma, os duques de Oporto e os de Cadaval, o vizconde de Cabrales, ex-deputados como Bacelar ou o conde Roberto Zilo -que chegou a dar un millón de francos para a causa-, e con eles a centos de fuxidos que procuraron seguridade ó seu carón.

Pero, sobre todo, é tamén posible que a causa fundamental radicase no feito de que un home, Henrique de Paiva Couceiro, atopase auxilio na provincia de Ourense, xa que se algo tiveron claro dende o principio tódolos actores do denominado “comité” de resistencia, isto era que a única persoa que podía liderar o proceso militar que habería abandeirar a restauración monárquica non era outro ca el.

Quen era este tal Henrique de Paiva “cuyo sólo nombre hace temblar a todos los carbonarios portugueses”? Velaí a segunda cuestión a dilucidar.

Paiva Couceiro era un militar lisboeta con sangue materna irlandesa, de profundas conviccións monárquicas e católicas, que sendo moi novo participou nas campañas de ocupación militar de Angola e Mozambique e chegou a ser gobernador xeral da primeira, que loitou no Rif contra Marruecos e que de volta a metrópole se instalou no entorno do rei Carlos e -unha vez asasinado este e o seu fillo maior- no do sucesor Manuel II, agochándose en Galicia pouco despois da inmediata fuxida do monarca para Inglaterra.

Os contactos previos co senador conservador español -con propiedades en Pontevedra e Ourense- Eduardo Cea Naharro, diríxeno ata a nosa provincia e dende aquí, concretamente dende a Casa do Telleiro (Sandiás) e un sen fin de refuxios máis, en coordinación co devandito comité para a restauración -que previamente distribuíra armas e municións polas serras da fronteira-, a promover unha primeira entrada (coñecida en Portugal como “incursão do paladino”) coa pretensión de acender a mecha social que levantara o país contra o goberno republicano coincidindo co primeiro aniversario da instauración da República, o día 5 de outubro de 1911.

Non sen ter salvado infinidade de contratempos, atentados, traicións e desercións, capturas de armamento, etc., esta primeira incursión executouna con 1.200 voluntarios, dende Lubián, tomando Vinhais, logo a simbólica Bragança e caendo derrotado finalmente en Chaves, o que o obriga a fuxir de novo para Ourense, dende onde se puxo a planificar de contado unha segunda “incursão” que levaría a cabo nove meses despois, en xullo de 1912. Un complot -para el alleo- en Oporto espertouno do seu primeiro soño.

Unha espera de oito meses na Baixa Limia e unha segunda “incursão” que tamén fracasaría

A fuxida de Paiva e dos seus non tivo lugar entón cara as terras de Monterrei, senón  cara Montalegre.

Para aquela, entre caídos nos combates, feridos, presos e desertados, Paiva Couceiro contaba só cunha columna “de 600 homens uniformisados -dicía a prensa oficialista portuguesa-, assemelhándo-se a um rebanho de carneiros que recolhesse ao redil”.

Chegados a Montalegre “os realistas -segundo a ‘Ilustração Portuguesa’- não se detiveram mais que o tempo suficiente para repousar das fadigas da viagem e dirigiram-se para Portela d’Homem e Requiães”.

A inminente chegada do frío, primeiro outonal e logo de invernía, aconselloulle a Paiva e ós seus fieis lugartenentes procurar acougo nalgún lugar seguro e pouco transitado, distribuíndose en grupos de 40 homes por  Cadós, Mugueimes, Parada de Ventosa, Valoiro, Xendive, Muíños, Prado, Porqueirós e Cabaleiros, todos eles no partido xudicial de Bande, mentres Paiva Couceiro se dirixiu ó refuxio que lle fornecera Cea Naharro no pazo de Telleiro, en Sandiás.

Desta longa estadía escribiría o xornalista portugués Joaquim Leitão nunhas crónicas baixo o título de “Oito meses na Galiza”, no xornal “O Correio”, que el mesmo dirixía e que constitúen unha auténtica novela de aventuras

Pola súa banda, como queda dito, Paiva Couceiro debeuse trasladar ó pazo de Telleiro, dende onde aproveitou o tempo de espera para organizar unha segunda “incursão” que comezaría o día 7 xullo de 1912 e que, igual cá anterior fracasou, segundo publica este xornal o día 19, por “una traición del comité militar monárquico de Lisboa” que lle entregaron ó goberno republicano “incluso la fecha que los monárquicos tenían convenida con Paiva para el alzamiento de Lisboa”.

A derrota volveuna sufrir en Chaves e causou tantas baixas no xa dezmado exército “realista”, que días despois da loita, a prensa informa de que “en los alrededores de Chaves han encontrado 40 cadávares”.

Mentres os principais axudantes foron detidos e unha chea de soldadesca entregada voluntariamente ó exercito, Paiva foi quen de volver fuxir san e salvo, pero profundamente afectado, non só pola derrota, senón por tódalas conspiracións que esnaquizaron os seus anceios e lle custaran a vida a tanta xente.

Exiliado no Brasil, devolto a Portugal e capitán aínda dunha terceira “incursão” en 1919, coa que durante un mes se declarou rexente da “Monarquía do Norte” -con sede en Oporto- e opositor incluso de Salazar, morreu en 1944, quen sabe se lembrando os ecos daquela copla que os seus lle cantaban nunha taberna de Cadós: “Portugueses, vestí lucto/ un lucto bem denegrido,/ se Paiva Couceiro não vem/ Portugal está perdido”.

En 1912, posiblemente en Ourense.
En 1912, posiblemente en Ourense.

Te puede interesar
Más en Sociedad